A Xunta eleva o teito de gasto un 2,5 %, ata os 13.954 millóns de euros, o máis alto da historia
A Xunta eleva o teito de gasto un 2,5 %, ata os 13.954 millóns de euros, o máis alto da historia
O Goberno galego emprenderá accións legais contra o Goberno central para que convoque a Conferencia de Presidentes
Sanidade mercará 46.000 doses da vacina da meninxite
O Consello aproba o Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos
O Consello da Xunta aprobou este luns o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para 2025, que ascende a 13.954 millóns de euros, un 2,5 % máis que o orzamento do presente exercicio, que foi de 13.257 millóns.
O conselleiro de Facenda Miguel Corgos xa confirmara hai unhas semanas a súa intención de aprobar o teito de gasto antes das vacacións, polo que será remitido inmediatamente ao Parlamento galego para o seu debate e posterior autorización.
O límite de gasto, eses 13.954 millóns, fixa o marco para elaborar os orzamentos autonómicos de 2025. E actualiza as previsións económicas. A Xunta mellora a estimación de crecemento para este ano ata o 2,1 %, sobre todo pola "fortaleza das exportacións". E para 2025 calculan un avance do 1,8 %, sumando así cinco anos de crecemento que permitirán seguir reducindo a taxa de paro ata un 9,1 %, o nivel máis baixo en 15 anos.
O límite de gasto elaborouse coas novas regras fiscais da Unión Europea. Na Xunta din que a estabilidade política que hai en Galicia lles permitirá, un ano máis, sacar adiante os presupostos en tempo e forma para dar resposta aos retos actuais.
A Xunta recorrerá á Xustiza para a convocatoria da Conferencia de Presidentes
Na súa xuntanza semanal, o Executivo galego autorizou a interposición de accións legais para urxir a convocatoria da Conferencia de Presidentes ante o incumprimento do Goberno de Pedro Sánchez.
A Xunta dá este paso despois de que tamén o fixesen outros gobernos autonómicos, e o presidente galego asegurou que lle “consta” que outros tantos van actuar de forma similar.
"Eu desexaría non ter feito isto, sempre pensei que o Goberno cumpriría coa obriga legal", explicou Rueda.
Rueda mostrou o seu malestar ante a decisión de Sánchez de substituír “o diálogo” destas reunións con todos os presidentes por “pactos bilaterais” unicamente coas comunidades que ao seu xuízo lle interesan, como son o caso de Cataluña e País Vasco, mentres pretende que o resto de presidentes sexan “espectadores pasivos”.
Ao fío desta cuestión, Rueda reprochou novamente que Pedro Sánchez que aínda non o recibise despois das eleccións autonómicas de febreiro mentres que si se desprazou ao País Vasco para atoparse co novo lehendakari Imanol Pradales, que tomou posesión do seu cargo o pasado 22 de xuño, e tamén a Cataluña para reunirse co president en funcións Pere Aragonès.
Ante este trato ao seu entender desigual, Rueda persistirá na súa esixencia para ser recibido ou visitado por Sánchez no seu deber de atender a Galicia, que, como nacionalidade histórica, debe recibir o mesmo trato que os outros dous territorios xa que “non é de recibo” esa discriminación.
O xefe do Executivo autonómico considerou que mesmo os partidos da oposición en Galicia, BNG e PSdeG, deberían sumarse a esta demanda para non permitir que se beneficie outras comunidades “en detrimento” de Galicia.
Corenta e seis mil doses da vacina contra o meningococo B
No eido sanitario, o Goberno galego autoriza destinar 2,7 nillóns de euros para a adquisición de 46.000 doses da vacina contra o meningococo B para garantir a inmunización da poboación diana no 2025.
O Consello tamén avaliou o proxecto piloto que o Sergas vai poñer en marcha a finais de mes para mellorar o diagnóstico do cancro de mama a través do uso da intelixencia artificial.
Lei de Servizos dos Medios Públicos
O Consello da Xunta, na súa xuntanza deste luns, deulle o visto e prace ao Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia. Entre as novidades que incorpora a norma, figura o cambio de denominación da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), que pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Rueda avanzou que a elección do Director Xeral da entidade pública se fará inicialmente con maiorías de tres quintos ou de dous terzos e, como terceira opción, por "maioría reforzada, absoluta", a fin de evitar un "bloqueo para designar unha persoa responsable".
"As maiorías necesarias, en principio, mantéñense como primeiras opcións", asegurou. "A intención do Goberno é chegar a un acordo, pero se non fose posible, porque calquera proposta fose rexeitada, esa interinidade non se pode perpetuar no tempo, estaría unha última posibilidade de facelo por unha maioría reforzada e polo tanto tamén democrática", explicou Rueda.
O presidente remarcou que a produción da Corporación seguirá sendo "100 % en galego": "Así ten que ser, así debe ser e así vai ser".
Rueda abríu a porta á utilización doutros idiomas, nomeadamente o inglés, para difundir os contidos dos Servizos Públicos e os contidos que se fan en Galicia "fóra das nosas fronteiras".