Rueda defende a súa xestión fronte a unha esquerda que aposta unida polo cambio
Rueda defende a súa xestión fronte a unha esquerda que aposta unida polo cambio
O líder do PPdeG defendeu a estabilidade do seu goberno, mentres que Pontón, Besteiro, Lois e Faraldo ven necesario un executivo de progreso
Os cinco candidatos confrontaron no debate da CRTVG as súas visións en economía, política social e gobernabilidade
Os principais candidatos á presidir a Xunta de Galicia nas elección sao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro —Alfonso Rueda polo PPdeG, Ana Pontón polo BNG, José Ramón Gómez Besteiro polo PSdeG, Marta Lois por Sumar Galicia e Isabel Faraldo por Podemos Galicia— confrontan as súas ideas sobre políticas económicas, políticas sociais e gobernabilidade no debate que a CRTVG organizou no renovado estudo 300 de San Marcos moderado polos xornalistas Marta Darriba e Alejandro López.
Economía
O candidato do Partido Popular Alfonso Rueda abriu o primeiro bloque de políticas económicas. Na súa intervención, comezou confrontando o" modelo de goberno que funciona, o do PP", dixo, "coa alternativa de multipartito". Puxo de exemplo o que ocorreu recentemente no goberno municipal de Pontevedra.
Alfonso Rueda fixo un repaso polos datos económicos e destacou a rebaixa de impostos, como ocorreu co de sucesións ou o IRPF. Recordou Rueda que cada galego paga hoxe 500 euros menos na renda que hai quince anos. Comprometeuse tamén a ampliar a bonificación do imposto de sucesións aos "colaterais", familiares que herdan de irmáns, tíos, sobriños, sogros ou cuñados.
O candidato do PP criticou a factura que lle vai supor, dixo, a cada galego a condonación da débeda a Cataluña. Foi aquí onde o candidato do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro respondeu asegurando que apoia a condonación da débeda de Galicia "nas mesmas condicións que para Cataluña".
Pola súa parte, a candidata do BNG Ana Pontón díxolle a Rueda que cada galego vai pagar "4.000 euros pola débeda do goberno do PP". Pontón acusou tamén o candidato popular de "triplicar a débeda e recortar en sanidade".
A candidata nacionlista comprometeuse a apostar pola enerxía eólica, a acabar coas portas xiratorias e á creación dunha "compañía eléctrica 100 % galega e pública" cunha tarifa máis barata para os consumidores. Pontón dixo tamén que se é presidenta da Xunta, a primeira demanda que terá para Pedro Sánchez é a gratuidade e a transferencia da AP9.
O candidato dos socialistas galegos iniciou a súa intervención tirando de ironía e aproveitando a proximidade do Entroido. Dixo Besteiro que tiña a intención "de quitarlle a máscara a Rueda". O candidato dos socialistas apuntou que, tras quince anos de goberno do PP. hai menos galegos, menos empregro e unha débeda pública "multiplicada por 2,5".
Ante as acusacións do candidato do PP de que o Goberno central tiña "gardados" máis de 4.000 millóns dos fondos Next Generation, Besteiro respondeulle que o PP deixa todos os anos "case a metade dos fondos europeos sen executar". O candidato do PSdeG comprometeuse a apostar pola transición ecolóxica e polo tanto polas enerxías renovables. O modelo socialista é explotar a enerxía eólica a través dunha sociedade pública.
A candidata de Sumar Galicia, preguntoulle ao candidato do PP, igual que fixo Besteiro, por que o Partido Popular votou en contra da suba das pensións ou da reforma laboral no Congreso. Marta Lois apuntou tamén as subas do salario mínimo interprofesional dos últimos anos, que, dixo, "beneficiou máis de 136.000 mulleres galegas".
Marta Lois explicou que o modelo de riqueza de Sumar Galicia significa tres cousas: "Seguir subindo salarios, aumentar poder adquisitivo das familias e apostar por unha economía verde".
A candidata de Podemos Isabel Faraldo falou de grandes oportunidades perdidas. Fixo un repaso por cifras económicas. Dixo que en Galicia nos últimos anos se destruíron máis de 50.000 empregos na industria, no mar e na agricultura, ademais dos "10.000 autónomos que tiveron que pechar os seus negocios".
Sobre a enerxía eólica, dixo non estar en contra da enerxía eólica, pero matizou que "hai que facelo equilibrando o impacto no medio" e que beneficie aos galegos, rematou. Faraldo fíxolles unha proposta aos candidatos do PP e do PSOE. Pediulles o compromiso para salvar Alcoa. Solicitoulles que apoien a proposta de Podemos de que a SEPI interveña a multinacional para garantir a viabilidade.
Políticas sociais
O bloque de políticas sociais abriuno Ana Pontón para reprocharlle ao PPdeG "os seus últimos 15 anos de propaganda en lugar de traballar polo benestar". "Mentres Rueda malgasta os cartos, a xente sae á rúa a protestar porque hai listaxe de espera para ir ao médico de cabeceira, pois queren privatizar a Sanidade”.
Pontón deixou claras as medidas que implantará se chega ao goberno da Xunta, como un Plan de Rescate á Atención Primaria de 200 millóns de euros para contratar máis profesionais, para introducir a psicoloxía clínica para os pacientes de saúde mental e para garantir a atención pediátrica a todos os nenos. En educación asegurou que aprobará a gratuidade dos libros de texto.
O debate continuou coa intervención da candidata de Podemos Galicia, que comparou a Rueda con Ayuso, para poñer sobre a mesa o tema da xustiza social nos impostos. “Ayuso elimina a bonificación de impostos de patrimonio e o señor Rueda tamén. Pois mire, aquí témolo moi claro: en Galicia, as grandes fortunas non pagan os impostos que teñen que pagar porque unha parte do seu patrimonio son accións de empresas que xestionan, iso está exento”, dixo Faraldo.
Finalizou a súa intervención falando dos recortes da Sanidade Pública e das listaxes de espera en atención primaria e para intervencións cirúrxicas, ademais de criticar os longos prazos para tramitar as axudas á dependencia.
Tamén criticou a xestión do PP na Xunta en sanidade o líder dos socialistas galegos: “Durante estes 15 anos que vivimos, en Galicia fíxose unha política constante de recortes e de privatizacións. Ese foi o problema da Sanidade Pública, que non houbo investimentos e non se organizou como se tiña que organizar”.
O líder dos socialistas galegos falou dun plan de choque para reverter esta situación e volver, dixo, a ter atención do médico de cabeceira en menos de 48 horas, manter todos os servizos de pediatría, apostar pola saúde mental na atención primaria e mellorar as condicións de moitos traballadores. No ensino Besteiro aposta por recuperar a gratuidade dos libros na educación obrigatoria e insistiu na necesidade de facer máis residencias públicas para os maiores.
Pola súa parte, Alfonso Rueda recoñeceu que na Sanidade queda moito por facer pero asegurou que os datos que daban os outros candidatos non eran certos. “Hai 7.000 profesionais máis traballando na Sanidade Pública e as listaxes de espera teñen 24 días menos que a media nacional. A falta de médicos é algo xeneralizado no país, algo que puido solucionar o Goberno de España”.
O candidato popular loou que Galicia “ten o mellor calendario de vacinación do mundo e unha educación gratuíta, o cal non acontece en ningunha outra comunidade autónoma, e unha FP potenciada e a posibilidade de que as matrículas sexan a partir de agora gratuítas.”
Nas seguintes quendas, tanto Marta Lois como Ana Pontón volveron arremeter contra a xestión sanitaria da Xunta: “Vaia máis polos centros de saúde señor Rueda, porque sei perfectamente o que significa non ter pediatra, o que significa para un neno non ter ese médico. É un problema gravísimo que afecta a 11.000 nenos e nenas”, dixo a candidata do BNG.
Pola súa parte, a candidata de Sumar Galicia quixo remarcar o problema da saúde mental insistindo en que debería ser unha cuestión prioritaria no país e explicou que iso tamén "ten que ver con levar vidas máis tranquilas e mesmo con poder reducir a xornada laboral".
Gómez Besteiro censurou a xestión lingüística do Goberno de Rueda: “Vostedes votaron en contra do galego en tres ocasións: no Parlamento de Galicia, no Parlamento Europeo e no Congreso dos Deputados. Iso di moito do que pensan da lingua e da cultura porque é ir en contra da nosa política social”.
A candidata de Sumar Galicia quixo na súa quenda reivindicar a figura da muller falando das súas propostas en igualdade e lembrando o seu pasado como concelleira de igualdade en Santiago. "As desigualdades e diferenzas teñen moitos rostros de muller no noso país. Vostedes saben que hai 97.000 mulleres en Galicia que teñen condicións de privación material e social moi graves?".
Tomou a palabra Rueda para defenderse das criticas do resto de candidatos, que denunciaron a escasa construción de vivenda pública durante os gobernos do PP á fronte da Xunta. "Non é certo que en Galicia non existe vivenda pública durante os últimos 15 anos porque se fixeron unhas 4.000 e agora queremos dobrar esa cifra".
Case chegando á súa fin este bloque de políticas sociais, Ana Pontón puxo enriba da mesa o tema lingüístico para evitar, dixo, que “moitos rapaces saian da escola sen saber falar galego”. “Como presidenta vou traballar para que haxa un acordo pola lingua que inclúa a derrogación do decreto da vergonza e a aprobación dun decreto de igualdade lingüística, porque hoxe o 100 % dos alumnos saben falar castelán pero un de cada tres non sabe a nosa lingua”.
Esta cuestión sementou a polémica con Alfonso Rueda, que acusou a Ana Pontón de querer impoñer o monolingüismo. “Non estamos en contra do galego, queremos liberdade para elixir señora Pontón. Eu quero apoiar mozos e maiores, quero liberdade para elixir a lingua e quero unha Galicia en que ninguén diga o que ten que facer o outro”.
Gobernabilidade
O candidato dos socialistas galegos iniciou o bloque de gobernabilidade defendendo o modelo municipal e pedindo máis autogoberno. “Non hai que enfrontarse permanentemente co Estado, senon gañar influencia”, advertiulle a Rueda. “Vou garantir a gratuidade da AP-9 e da AP-53 e un financiamento xusto”, prometeu Besteiro.
A candidata de Podemos acusou a Rueda “de facer seguidismo de Feijóo” na súa xestión á fronte da Xunta. “Para nós non hai pactos cos partidos, o noso pacto é coa xente”, dixo Faraldo, quen acusou os populares de gobernaren "de costas á xente". Faraldo defende un modelo plurinacional en que Galicia “non é nin máis nin menos que Cataluña”.
A candidata do BNG reprochoulle a Rueda que conseguise “cero competencias” para Galicia á fronte da Xunta. Por contra, dixo que o BNG reclamará as competencias pendentes de traspaso do Estado con financiamento propio. Pontón comprometeuse a avanzar "desde o diálogo" nun novo estatus de nación e que Galicia non quede “nin un milímetro” atrás do conseguido polas outras nacións históricas.
O candidato do PPdeG lembrou que Galicia pediu a transferencia da AP-9 e denunciou “o trato desigual” do Goberno central coa lei do litoral. Rueda defendeu a estabilidade en Galicia para poder aprobar os orzamentos a tempo e acusou a Pontón de ocultar o carácter independentista do seu partido.
A candidata de Sumar Galicia di que Galicia “non quere escoitar as escusas de Rueda” e reiterou que aspira a entrar “nun Goberno a tres progresista co BNG e PSdeG" para un xiro de 180 graos. “Sumar sae a gañar”, asegurou.
Minuto de ouro
Isabel Faraldo recoñeceu que é consciente de que non é moi coñecida, pero asegurou que ela é “coma ti”: “Votando a Podemos, a miña voz será a túa voz”, prometeu a candidata de Podemos Galicia.
Marta Lois asegurou que vai haber un cambio en Galicia. “En xuño gañamos e o 18 de febreiro imos gañar tamén aquí”, salientou a candidata de Sumar Galicia: "Xuntas imos gañar Galicia".
José Ramón Gómez Besteiro asegurou: “O cambio depende de todos vós, depende de ti. Non hai ningún outro voto que permita o cambio nin o goberno que non sexa o do PSdeG”, asegurou.
"Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para o cambio", dixo a candidata do BNG. “Fagamos historia cun novo proxecto”, rematou Ana Pontón.
“Se queres un presidente que te engane non me votes, pero se queres que Galicia avance, conto co teu voto”, dixo Alfonso Rueda na súa última intervención. “En min podes confiar, eu si que teño palabra”, rematou o debate o candidato do PPdeG.