A Cultural tira de galegos para derrotar o Celta Fortuna (1-3)
A Cultural tira de galegos para derrotar o Celta Fortuna (1-3)
Chacón e Escobar, en dúas ocasións, marcaron para os leoneses
Gael Alonso logrou o momentáneo empate
Non lle foi ben ao Celta Fortuna o cambio de escenario e sufriu a súa primeira derrota como local. Foi ante o líder, unha Cultural Leonesa que dificultou moito a saída de balón do seu rival nos primeiros minutos. Os visitantes roubaban unha e outra vez e levaban perigo a portería de Marc Vidal. Manu Justo estivo moi preto de marcar pouco antes da xogada que serviu para inaugurar o marcador no minuto cinco. Artola recolleu o balón despois doutra recuperación do seu equipo. Disparou con intención e o despexe do gardameta celeste chegou aos pés de Luis Chacón. O dianteiro cedido polo Deportivo non perdoou.
Tras ese inicio de claro dominio leonés, o Celta Fortuna foi a máis e gozou de boas oportunidades para empatar antes do lecer. Dela, a pase de Fer López, e o propio Fer López tras un centro de Emi rozaron a igualada. Con esa tendencia positiva afrontaron os de Fredi os primeiros minutos da segunda metade. E Gael Alonso, moi só, pero semella que en posición correcta, rematou ao fondo das mallas un centro de Dela.
Co un a un no marcador baixou o ritmo e escasearon as ocasións. O equipo vigués non puido aproveitar a súa. Miguel Bañuz evitou o gol de Fer López. E a Cultural si que tirou proveito das que xerou Antón Escobar, que entrou na segunda parte para darlle o triunfo ao seu equipo. No minuto 79 facía o un a dous logo dun remate de Luis Chacón. E no 84 sentenciaba con asistencia do propio Chacón. O líder refacíase así da súa primeira derrota a pasada xornada. Suma xa 30 puntos. O Celta fortuna queda con 15 e un partido menos, o que ten pendente ante o Nástic de Tarragona.