A decoración de Nadal de Allariz enche os hoteis da vila
A decoración de Nadal de Allariz enche os hoteis da vila
A ocupación nestas datas roza o 90 %
Os hoteis de Allariz levan semanas recollendo reservas ou colgando o cartel de completo. O motivo deste incremento no número de visitantes non é outro que a grande cantidade de xente que chega para ver de preto a súa decoración de Nadal.
En establecementos coma este contan que a ocupación nestas datas roza o noventa por cento. Os máis dos visitantes chegan dende outros puntos de Galicia pero tamén de fóra da comunidade, moitos chamados pola decoración de Nadal da vila, para outros recentemente chegados é toda unha sorpresa.
"Pois faláronnos da decoración, mirámolo por Internet e a verdade é que as fotos tiñan moi boa pinta. De momento non as vimos, pero o que vimos polo coche de momento cumpre as expectativas".
"Moi linda, encantadora. Moi, moi linda".
Din que as reservas comezaron xa hai semanas, e que o certo é que seguen chegando grazas ao boca a boca e a que moitos viaxeiros comparten estes días a súa visita a Allariz nas redes sociais.
"O que foi a ponte da Constitución, iso foi unha tolemia cun cen por cento de ocupación, o resto dos días pode que fose dun sesenta e o que son estes días entre Noiteboa e Nadal, que os cativos xa teñen vacacións, nun noventa e cinco por cento. Pero este ano eu creo que coas redes sociais foi tal a repercusión que tivo que nos pillou a todos de sorpresa", explica Pilar Carracedo, do hotel O Portelo Rural.
A decoración trouxo consigo moita xente nos hoteis e tamén nas rúas.
" Si, este ano moitísima xente, se paseas polas rúas daste de conta de que están ateigadas de xente, cada vez máis. Eu creo que non temos capacidade para todos, hai moitísima. Pero hai xente que ven a iso, que é de aquí e goza de Allariz, coñece Allariz, e iso é marabilloso", apunta Mónica Calviño, do hotel Torre Lombarda.
Con once espazos diferentes a visitar a decoración de Nadal ocupa moitos recunchos da vila. Unha proposta para gozar destas datas con outra mirada.