A reposteira de Allariz Fina Rei reproduce en chocolate a obra de cinco escultores galegos
A reposteira de Allariz Fina Rei reproduce en chocolate a obra de cinco escultores galegos
Obras de Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Xosé Cid, Arturo Andrade e Acisclo Novo, que representan cinco etapas da vida: nacemento, nenez, adolescencia, madurez e vellez
Elaboraranse cos mellores chocolates e ingredientes naturais de orixe galega, como o aceite de oliva, a castaña ou a framboesa
Cada peza vai envasada nunha caixa que se presenta como unha cápsula no tempo, que inclúe unha carta referida a cada fase vital
Fina Rei ten previsto confeccionar catro mil figuras de chocolate que sairán á venda a un prezo de 80 e 90 euros
A reposteira de Allariz Fina Rei presenta a creación Legatum, froito da colaboración entre cinco escultores galegos de renome: Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Xosé Cid, Arturo Andrade e Acisclo Novo que crearon cada unha das pezas (Xénese, Agarimo, Díscolo, Odisea e Perenne) e Fina Rei, da man de Marcos Mosquera, que as recreou para crear unha colección de cinco esculturas de chocolate recheo co fin de emocionar cos cinco sentidos.
Arte e repostería fúndense nunha reflexión sobre a vida, xa que as esculturas representan ás distintas etapas vitais: nacemento, nenez, adolescencia, madurez e vellez.
A utilización de ingredientes de orixe galego como o aceite de oliva, a castaña, ou a framboesa, entre outros, é unha prioridade neste proxecto.
Pensadas como un agasallo, cada peza de Legatum presentase no interior dun elegante envase que propón un segundo uso como “cápsula do tempo” invitando a gardar nel recordos das diferentes etapas da vida, desde fotos ou cartas ata elementos desa persoa como pulseiras, aneis ou aromas, cos que reencontrarse nun futuro.
Este envase foi realizado a partir de materiais reciclados e aposta pola circularidade, ó ser 100% reciclable. Confeccionaranse arredor de catro mil pezas de chocolate en total, que sairán á venda a un prezo de entre 80 e 90 euros.