Publicador de contidos

Publicador de contidos

A desconfianza dos clientes lastra as vendas de coches eléctricos

A desconfianza dos clientes lastra as vendas de coches eléctricos

As vendas de coches eléctricos duplicáronse no mes de marzo, pero segue habendo reticencias por descoñecemento ou desconfianza

Os métodos de recarga, o seu custo e a dispoñibilidade de puntos onde enchufar o coche son algunhas das preocupacións máis comúns

G24.gal 14/04/2025 20:42 Última actualización 14/04/2025 21:03

O aforro no consumo e a conciencia verde son as dúas motivacións principais dos clientes de coches eléctricos. Pero levan aparelladas unha serie de dúbidas. A autonomía da batería e o sistema de carga son as cuestións principais que formulan os clientes.

Eva André, xerente de concesionario: "O coche eléctrico ten unha tecnoloxía tan ampla que, se por exemplo vas de aquí a Madrid, o propio coche vaiche dicir onde hai cargadores, cales están libres e mesmo podes reservar a carga nese sitio a tal hora".

Hai dous tipos de enchufes, os de carga lenta "que é coma un enchufe doméstico dun secador ou un cargador de móbil" -explica Eva- e os de carga rápida, que requiren da instalación dun cargador. "Hai multitude de axudas para coller un cargador. E se o tes que mercar, desde 285 euros ata 1.200 ou 1.300 euros", engade.

Ademais das electrolineiras, tamén adoita haber estacións de carga en aparcadoiros públicos e centros comerciais.

"A maioría dos establecementos teñen cargadores gratuítos, como centros comerciais ou supermercados. Se vas a unha electrolineira, que vende enerxía eléctrica, vaicho cobrar evidentemente", sinala Eva André.

O tempo de carga depende da potencia do cargador e dos quilowatts da batería.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade