Galicia rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta Semana Santa
Galicia rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta Semana Santa
As principais vías en que a DXT prevé máis volume de tráfico en Galicia son: AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550
Os tres aeroportos galegos operarán 1.202 voos durante a Semana Santa
Galicia rexistrará máis de 1,5 millóns de desprazamentos esta semana Santa, cun operativo especial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que se desenvolverá en dúas fases, a primeira desde este venres e ata o 24 de marzo e a segunda, cando se prevé máis circulación, do 27 de marzo ao 1 de abril.
Así o informou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que pediu "responsabilidade" non só na condución senón tamén camiñando, en bicicleta ou en motocicleta. "Galicia é unha zona preferente nos desprazamentos dentro de España", remarcou.
"Nestas datas é máis esencial que teñamos en conta os consellos e respectemos toda e cada unha das normas para chegar sas e salvas e gozar dun período vacacional tranquilo", insistiu, tras lembrar que no que vai de ano morreron nas estradas galegas 26 persoas, dez máis ca no mesmo período que 2023.
Dos desprazamentos previstos, 484.000 serán na provincia da Coruña; 523.000 en Pontevedra; 253.000 en Lugo e 326.000 na de Ourense. En concreto, as principais vías nas que a DXT prevé máis volume de tráfico en Galicia son: AP-9, A-6, A-8, A-52, A-55 e N-550.
Por todo iso, implantaranse medidas de ordenación e regulación do tráfico como a instalación de carrís reversibles que faciliten a circulación de entrada ou de saída dos núcleos urbanos en función das necesidades, a paralización de obras ou as restricións a determinados vehículos de mercadorías, en tramos e horas concretas.
Os tres aeroportos galegos operarán 1.202 voos
Os tres aeroportos galegos operarán durante esta Semana Santa un total de 1.202 voos, dos que 1.046 serán nacionais e 156 terán destino fóra de España.
O Aeroporto de Santiago será o que opere un maior número de voos, ata 682, dos que 562 serán nacionais e 120 internacionais. Tanto o aeroporto de Vigo como o da Coruña operarán estes días 260 voos.