Rusia investiga a explosión que causou un incendio na ponte de Crimea
Rusia investiga a explosión que causou un incendio na ponte de Crimea
Polo menos tres persoas morreron no incidente, segundo as autoridades de Moscova
A infraestrutura quedou danada de xeito parcial e houbo que interromper o tráfico
Un camión estoupou esta madrugada na ponte de Crimea e provocou o incendio de sete tanques de combustible dun tren que se movía en dirección da ocupada península ucraína.
A infraestrutura quedou parcialmente danada, segundo informa o Comité Nacional Antiterrorista de Rusia (NAC). De acordo coa axencia rusa, "houbo un colapso parcial de dous tramos da parte automobilística da ponte" pero o arco sobre a parte navegable non sufriu danos.
O NAC recalca que se están a aclarar as circunstancias da detonación. De acordo con datos preliminares do asesor do gobernador de Crimea, Oleg Kriuchkov, non houbo vítimas mortais nin persoas feridas.
O tráfico ferroviario e automobilístico suspendeuse e comezaron os traballos para lanzar un servizo de ferry no estreito de Kerch, segundo o ministro de Transporte en funcións, Nikolái Lukahsneko, de acordo con TASS.
Comisión gobernamental
O presidente ruso, Vladímir Putin, ordenou a creación dunha comisión gobernamental, segundo o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, para "pescudar as causas do incidente e eliminar as consecuencias canto antes".
Para o Kremlin, un ataque contra a ponte de Crimea sería unha liña vermella que non permitiría pasar sen resposta, segundo repetiron en varias ocasións desde a Presidencia e o Ministerio de Defensa.
En maio de 2018 Putin inaugurou o tramo automobilístico pola ponte de Crimea sobre o estreito de Kerch, o máis longo de Europa cos seus 19 quilómetros, co fin de romper o illamento da península.
A finais de 2019 inaugurouse tamén o tramo ferroviario pola ponte, condenado tanto por Ucraína coma por Occidente, que seguen a considerar a península parte do territorio ucraíno.