A feira Etiqueta Negra reúne en Pontevedra os mellores produtos gourmet galegos

80 expositores participan na sétima edición de Etiqueta Negra

Entre os novos produtos están o chourizo e o salchichón de ovella ou os primeiros polvoróns elaborados en Galicia

G24.gal 12/11/2023 14:39 Última actualización 12/11/2023 17:15

O sector dos produtos gourmet está en constante evolución, e feiras coma esta serven para que as empresas alimentarias lancen novos produtos, por exemplo estes embutidos de ovella que elaboran nunha queixería de Allariz. 

"Ao principio, como é novidade, sempre pode ser que a xente sexa un pouco remisa, pero a verdade é que se está vendendo ben”, explica Rebeca Naya, do Ecoespazo O Rexo.

Estes queixos frescos típicos de Venezuela están elaborados con leite galego. Prodúcense nunha queixería de Boimorto, que comezou a súa actividade hai pouco máis de tres anos.

“Elaboramos queixos frescos todas as semanas, sen conservantes, produto de proximidade. Cada vez as persoas están valorando máis este tipo de produtos", asegura Alejandro Rincón, responsble da Queixería Galmara.

Entre as novidades atopamos tamén estes polvoróns. Son os primeiros fabricados en Galicia. Están feitos con améndoa e manteiga de porco celta. 

"Son polvoróns de Taboada, na Ribeira Sacra. Son polvoróns de améndoa, chámanse Tomesiños, e esperamos que de cara ao Nadal a xente en Galicia se anime a probalos”, di  Ana Ledo, da empresa Silváns.

26 dos 80 expositores participaron por primeira vez na feira Etiqueta Negra. O que comparten é a calidade das materias primas e unha elaboración coa que buscan sorprender o padal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade