A Festa da Empanada da Bandeira, declarada de Interese Turístico Nacional
A Festa da Empanada da Bandeira, declarada de Interese Turístico Nacional
A Secretaría de Estado de Turismo salienta que a festa, que se celebra desde hai 50 anos, conxuga "cultura, gastronomía e tradición"
Son xa once as celebracións en Galicia que contan con este recoñecemento
A Festa da Empanada da Bandeira, que se celebra no mes de agosto nesta localidade do municipio pontevedrés de Silleda, foi declarada como Festa de Interese Turístico Nacional pola súa conxunción de "cultura, gastronomía e tradición" ao longo dos seus 50 anos de historia.
A declaración foi dada a coñecer este mércores por parte da Secretaría de Estado de Turismo, que resalta esta celebración como un exemplo da "descentralización" do turismo, ao congregar anualmente a unhas 25.000 persoas nunha localidade de pouco máis de 700 habitantes.
A orixe desta festa remóntase ao ano 1974, cando un grupo de veciños levou unhas empanadas a unha carballeira con motivo das festas en honra a San Antonio e a Virxe das Ermidas, que teñen lugar a terceira ou cuarta fin de semana de agosto.
Desde entón, a festa da que se encarga a Asociación Cultural Amigos da Empanada da Bandeira foi sumando actividades, sempre coa música tradicional no centro.
Rutas, eventos, actividades ou un concurso de empanadas forman parte da programación desta celebración, que conta desde 2022 con mascota propia e con himno de seu desde o ano pasado.
A declaración como Festa de Interese Turístico Nacional da Festa da Empanada eleva a 158 o número de celebracións con este recoñecemento, das cales, once teñen lugar en Galicia.