A xustiza venezolana ordena deter a Edmundo González Urrutia
A xustiza venezolana ordena deter a Edmundo González Urrutia
Dita orde de arresto pola presunta comisión de delitos de usurpación de funcións e asociación para delinquir, entre outros
Atende así a solicitude da Fiscalía, presentada logo de que o dirixente opositor non respondese a tres citacións nos últimos días
María Corina Machado di que "ameazando o presidente electo só os logran unir máis"
Un xulgado de Venezuela con competencia en delitos asociados ao terrorismo dita orde de arresto contra o dirixente opositor Edmundo González Urrutia. Atende deste xeito a petición da Fiscalía.
Logo de citalo en tres ocasións sen que acudise, o Ministerio Público solicitoulle que emitise orde de detención pola presunta comisión dos delitos de usurpación de funcións, instigación á desobediencia das leis e asociación para delinquir, entre outros.
Investígao pola publicación de actas electorais que -segundo a Plataforma Unitaria Democrática- demostran a súa vitoria nas presidenciais de xullo. Tamén polo comunicado no que, canda a María Corina Machado, chamaba ás Forzas Armadas a cesar a represión ao pobo nas protestas contra a proclamación do triunfo de Nicolás Maduro.
Reaccións da oposición e do chavismo
Edmundo González aínda non se pronunciou. Si o fixo a líder antichavista, a través da redes sociais. María Corina Machado di que o réxime "perdeu toda a noción da realidade" e que "ameazando ao presidente electo só logran cohesionalos máis e aumentar o apoio dos venezolanos e do mundo".
A Plataforma Unitaria Democrática rexeita a orde de arresto e amosa a súa "rotunda condena á profundización da persecución política" a quen foi o seu candidato presidencial.
Ante esta situación, as dúas veces candidato á presidencia Henrique Capriles tachou o proceso polo que se dita a orde de "viciado (...) inconstitucional, ilegal", ao considerar que se trata dunha "persecución" e "fustrigación" desde as institucións.
"Continúa a persecución e a fustrigación desde o poder. Sumámonos á indignación e rexeitamento da gran maioría dos venezolanos contra os que pretenden, desde o poder, facer un traxe á medida da ilegalidade, torcendo as leis a conveniencia e a súa interpretación", escribiu o tamén exgobernador en X.
Una vez más y pretendiendo disfrazar todo un proceso viciado, inconstitucional, ilegal; dictan una orden de aprehensión contra @EdmundoGU ¡Continúa la persecución y el hostigamiento desde el poder!
— Henrique Capriles R. (@hcapriles) September 2, 2024
Nos sumamos a la indignación y rechazo de la gran mayoría de los venezolanos…
Subliñou que os venezolanos votaron "en paz por Edmundo González, por un país onde reinase o respecto, a xustiza e a legalidade", polo que "fagan o que fagan non poderán borrar a verdade e a soberanía popular que decidiu".
O presidente Nicolás Maduro insiste en que o abandeirado da maior coalición opositora "pretende estar por riba das leis".
Edmundo González acusara ao fiscal xeral de actuar como un acusador político
Tras ser citado a comparecer ante a Fiscalía, Edmundo González Urrutia denunciou que o Ministerio Público o quería someter a unha entrevista sen precisar "en que condición" se esperaba que comparecese e "precualificando delitos non cometidos".
Acusou ao fiscal xeral, Tarek William Saab, de comportarse "reiteradamente como un acusador político", ao condenar "por anticipado" e impulsar "unha citación sen garantías de independencia e do debido proceso".