A folga de pilotos de EasyJet en España provocou unha ducia de cancelacións este sábado
A folga de pilotos de EasyJet en España provocou unha ducia de cancelacións este sábado
As cancelacións producíronse nos aeroportos de Palma de Mallorca e de Barcelona
Os voos cancelados tiñan como destino Berlín, Nápoles, Newcastle e Xenebra
No aeroporto Rosalía de Castro, de Santiago, EasyJet operou con normalidade
Moitos destes turistas chegan a Galicia en avión. De feito, en xullo rexistrouse a cifra máis alta de viaxeiros nos últimos cinco anos. Case seiscentos mil usaron os aeroportos galegos o mes pasado. Esta fin de semana tamén está previsto un gran número de voos, coincidinco coas primeiras xornadas de folga de pilotos da compañía Easyjet.
O aeroporto de Santiago operou con normalidade e non se viu afectado pola folga. En Palma de Mallorca e en Barcelona houbo unha ducia de cancelacións de voos na mañá deste sábado.
Fin de semana de moito movemento nos aeroportos, que coincide coa folga de pilotos da compañía Easyjet. Unha folga de tres períodos de 72 horas cada un, que se desenvolven nas fins de semana: os días 12, 13, 14, 19, 20, 21, 27, 28 e 29 deste mes de agosto.
No aeroporto Rosalía de Castro da Lavacolla, en Santiago, para esta xornada estaban programados voos de Easyjet de Londres e de Xenebra, que non se viron afectados.
Nos peores meses da pandemia os pilotos accederan a rebaixar os soldos para garantir os seus postos de traballo e a supervivencia da compañía. Con todo, EasyJet, segundo os traballadores, non está a cumprir o acordado.
Os representantes dos pilotos sinalaron que o número de voos é, na actualidade, moi semellante ao que había en 2019, pero a empresa négase a recuperar as condicións laborais. En Palma de Mallorca e en Barcelona, si houbo unha ducia de cancelacións e moitos pasaxeiros quedaron hoxe en terra.
As xornadas de folga prodúcense nun momento en que moitos aeroportos están a rexistrar este verán récord de usuarios.
Case seiscentos mil viaxeiros pasaron polos aeroportos galegos durante o mes de xullo, a cifra máis alta dos últimos cinco anos. O Rosalía de Castro, na Lavacolla, superou todas as súas marcas, con máis de 90.000 usuarios.