A fragata Almirante Juan de Borbón e o Cantabria saen en misión coa OTAN
A fragata Almirante Juan de Borbón e o Cantabria saen en misión coa OTAN
As dúas embarcacións integraranse no Grupo Permanente número 1 da Alianza
O Día de Reis foi tamén un día de despedidas para as tripulacións da fragata Almirante Juan de Borbón e do Cantabria, un dos buques de aprovisionamento en combate da Armada.
A fragata Almirante Juan de Borbón saíu do arsenal de Ferrol para integrarse no grupo permanente número un da OTAN, unha forza marítima multinacional despregada en augas do norte de Europa na misión Brilliant Shield.
"Unha vez máis, un barco da 31 Escuadrilla desprégase nunha agrupación permanente da OTAN, xa desde 1990 vímolo facendo case ininterrompidamente, e unha vez máis demóstrase que España é un país comprometido coa Alianza", explica Jesús Viñas Barciela, comandante da 31 Escuadrilla de Superficie.
Durante tres meses vaina acompañar o buque de aprovisionamento en combate Cantabria, que partiu unha hora antes desde o peirao número doce de Navantia.
"Levantamos áncora con 150 persoas a bordo e cunhas capacidades únicas neste tipo de buques, que achegan sustentabilidade ás forzas da OTAN coas que nos imos integrar", destaca o comandante do Cantabria, Tomás Clavijo.
O regreso do Cantabria está previsto para comezos de marzo. Catro meses despois, nos primeiros días de xullo, a fragata volverá á súa base en Ferrol.