Comezan a identificar os autores dos disturbios durante a visita dos reis a Paiporta
Comezan a identificar os autores dos disturbios durante a visita dos reis a Paiporta
O ministro do Interior fala dunha "minoría violenta" e apunta a que "polo menos, un mínimo de organización existía"
Para o PP, os monarcas "si estiveron á altura das circunstancias"
Este luns, Filipe VI presidiu no cuartel xeral da UME, en Torrexón de Ardoz, a reunión do Comité de Crise. Faino un día despois do disturbios rexistrados durante a súa visita a Paiporta.
A Garda Civil xa empezou a identificar varios dos autores dos ataques aos reis e os presidentes español e valenciano. O ministro do Interior fala dunha "minoría violenta" e apunta a que "polo menos, un mínimo de organización existía".
Fernando Grande-Marlaska insiste en que o operativo de seguridade foi deseñado pola Casa Real, como é habitual nestes casos. Sobre a evacuación de Pedro Sánchez, aclara que non foi decisión do presidente, senón do seu grupo de seguridade "porque había un risco real e evidente". Nunha entrevista en TVE, o titular de Interior confirmou que o presidente recibiu un golpe durante os disturbios.
A ministra de Defensa condena as agresións. Nunha entrevista en RNE, Margarita Robles recoñecía que "a indignación está, comprendémola" ao tempo que condenou os episodios de violencia que se rexistraron.
Para o ministro de Transportes tamén houbo un erro nos tempos. En Onda Cero, Óscar Puente apuntou que a visita se fixo "coa mellor das intencións pero, probablemente, non se acertou co momento"
Para Sumar, a visita tampouco foi oportuna. "Non tocaba, non era o momento de realizala", dixo en conferencia de prensa Lara Hernández, secretaria de Organización do partido.
Segundo Podemos, foi un "erro gravísimo". Para o seu voceiro Pablo Fernández, "é unha vergoña que tanto o rei como Mazón e Pedro Sánchez vaian aí facerse unha foto".
O Partido Popular si defende a visita dos monarcas á zona afectada. "Por impactantes que fosen as imaxes, eu estaba aí, e o único que sentía era empatía, (...) o rei estivo exemplar", declarou o presidente da Generalitat valenciana, Carlos Mazón.
O propio Alberto Núñez Feijóo fixo este luns unha declaración institucional. Nela asegurou que "berrar de rabia e dor é perfectamente entendible (...) e é responsabilidade dos cargos públicos escoitalos, atendelos e asumir a súa indignación". Para o líder dos populares, "os reis si estiveron á altura das circunstancias".