Publicador de contidos
Publicador de contidos

Volta ás aulas: menos alumnado, máis docentes e implantación da LOMLOE

Volta ás aulas: menos alumnado, máis docentes e implantación da LOMLOE

Román Rodríguez amosa vontade de diálogo cos sindicatos para abordar redución de ratios pero adía as conversas ata que se inicie o curso

O conselleiro de Educación asegura que a matriculación na formación profesional "vai na boa liña" 

G24.gal 10/09/2023 10:42 Última actualización 10/09/2023 21:04

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, destaca, na véspera do comezo do curso escolar 2023-2024, a aplicación definitiva da nova lei educativa (LOMLOE) nun contexto de baixada de alumnado en Galicia e de aumento de profesorado nos centros públicos.

Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega, Román Rodríguez fala da complexidade deste curso ao ser o último dunha lexislatura en Galicia marcada pola pandemia e a implantación da nova lei de educación. 

"Este é o último curso, é o segundo ano de implantación da LOMLOE, dos currículos de todos os cursos pares. Todo isto vivímolo cun elemento transversal que foi a forte caída de matriculación debido á baixa natalidade, fundamentalmente nos cursos de infantil e primaria. Todo este marco non impediu, senón que mesmo estimulou, que estiveramos traballando constantemente en modernizar o sistema educativo". 

O conselleiro de Educación destacou que neste contexto o ensino público galego conta con 370 profesores máis. Segundo debullou, 260 deles para formación profesional, 70 para atención á diversidade e loita contra o fracaso escolar e 40 para ESO e bacharelato.

Respecto ás ameazas sindicais de mobilizacións se a Xunta non negocia a baixada de horas lectivas e da ratio de alumnos por aula, dise disposto a falar ao asegurar que "todo se pode falar", pero indica que primeiro hai que ver como arrinca este novo curso.

Mesmo lembrou que "o 70 % das aulas están por debaixo de 20 alumnos" e que "politicamente é curioso que o PSOE e o BNG, que foron quen apoiaron a LOMLOE, eses ratios, agora reclamen que se baixe". Insiste Rodríguez en que "temos un sistema que ten bos resultados". 

"Neste momento estamos tremendamente centrados na organización do curso. Temos que centrarnos en que todo arranque, funcione ben, haxa unha dinámica positiva, se poñan en marcha todos os proxectos e despois iremos vendo como vai a situación e iremos tomando as medidas pertinentes. E non vai ser a primeira vez nin a última que falemos cos sindicatos".

Formación profesional e IA

O conselleiro de Educación amosouse moi optimista coa matriculación de alumando para formación profesional (FP) para este inminente curso. Malia non entrar en cifras, porque dixo que aínda se está "en chamamentos", si afirmou que os números "van en boa liña". Recoñeceuse "tremendamente orgulloso do bo traballo que se está facendo na FP". 

Román Rodríguez tamén falou de proxectos de futuro e destacou o uso da intelixencia artificial na administración educativa dixital coa finalidade de crear un "expediente académico único".

Un expediente que comparou coa historia clínica existente en Sanidade ao dicir que sería "algo semellante" pero evitou dar prazos. Dixo que haberá que "lanzar a idea ao mercado" e logo iniciar un proceso de "compra pública" para poñelo en marcha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade