A incidencia da covid–19 en Galicia supera a media española tras subir 18 puntos
A incidencia da covid–19 en Galicia supera a media española tras subir 18 puntos
A Xunta non prevé novas restricións mentres o nivel de hospitalizacións siga baixo
Considera ampliar o certificado covid a outros ámbitos
A incidencia da covid–19 subiu en Galicia 18 puntos dun día para outro e situouse en 221 casos por cada cen mil habitantes. Pasou en dúas semanas de ser a metade da media española a situarse por riba desa media.
E aínda que tamén aumentan as hospitalizacións, son unha décima parte das que había no pico de xaneiro. A covid–19 non ocupa nin o 2 % das camas convencionais e pouco máis dun 3 % das de UCI, moi por baixo da media española, que se sitúa no 7 %.
Con estes datos non se prevén novas restricións nin nas ocupacións nin na liberdade de movementos.
"Non imos ir máis lonxe sempre e cando a situación asistencial non o requira. Aquí a clave é cada vez máis a ocupación das plantas e das UCI, que de momento en Galicia está nun nivel bo", explicaba o conselleiro de Sanidade.
O esforzo, aseguran en Sanidade, céntrase no diagnóstico, con 50.000 probas semanais, e na detección da eventual entrada da variante ómicron.
"Temos a nosa rede tanto de secuenciación como das PCR. Temos a sorte de que esta variante se detecta nunha PCR específica, pero sen precisar secuenciación, e está toda a rede alerta tanto a esta variante como a outras", aclarou García Comesaña.
A Xunta apoia a recomendación de limitar a interacción social. E non descarta estender o uso do certificado covid a novos ámbitos.