Publicador de contidos
Publicador de contidos

Protestas masivas e unha folga xeral en Israel ante a indignación pola morte de seis reféns

Protestas masivas e unha folga xeral en Israel ante a indignación pola morte de seis reféns

O paro inclúe as aterraxes e engalaxes no aeroporto internacional Ben Gurion de Tel Aviv

Centos de milleiros de manifestantes toman Tel Aviv nun clamor polo cesamento do fogo en Gaza

Protestas a favor do regreso dos reféns fronte ás oficinas de Netanyahu este domingo en Xerusalem
G24.gal 01/09/2024 18:49 Última actualización 01/09/2024 23:12

Por primeira vez en once meses de guerra, o goberno de Israel sufrirá este luns unha folga xeral, coa que a principal forza sindical do país esixe unha tregua para negociar con Hamas a liberación dos secuestrados.

Esta folga xeral de 24 horas é a primeira consecuencia política para o goberno de Netanyahu tras o rescate dos cadáveres de seis mozos secuestrados por Hamas. O Exército de Israel admite que os rapaces puideron ser asasinados cando os soldados chegaban ao túnel onde estaban os reféns.

A folga estenderase ao principal aeroporto do país, o Ben Gurion, nas proximidades de Tel Aviv. Vai afectar tanto as aterraxes como as engalaxes.

A indignación das últimas horas non se vivía no país desde había meses, polo bloqueo de facto a un acordo de cesamento do fogo en Gaza que permita o regreso dos reféns.

Uns 300.000 manifestantes saíron esta noite ás rúas de Tel Aviv para clamar contra o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, branco das numerosas protestas que este domingo atravesaron o país pola morte de seis reféns en Gaza unhas horas antes de que o exército recuperase os seus cadáveres.

"Se o meu Goberno non fai todo o que estea na súa man para traer os reféns de volta, aínda que iso signifique pagar un prezo moi elevado, non creo que este país poida seguir existindo", di Tal Horowitz, de 45 anos, lamentando sentirse desprotexida como israelí tras case once meses de guerra en Gaza nos que aínda 97 cativos seguen en mans da organización islamista Hamas.

A Histadrut, pouco favorable a convocar paros xerais, recibiu presións durante dous anos para convocar folgas contra o Executivo: primeiro, contra a reforma xudicial; este ano, para forzar a Netanyahu a acordar un troco de reféns con Hamas. Só unha vez accedeu e foi en marzo de 2023, antes da guerra e durante as masivas protestas contra a controvertida reforma da xustiza.

Os familiares das 97 persoas que seguen secuestradas por Hamas esixen nas rúas unha tregua para permitir unha negociación cos radicais palestinos que permita a liberación dos seus parentes. As operacións militares permitiron ata o momento o rescate con vida de oito secuestrados, mentres que a negociación conseguiu a liberación de 105 reféns israelís. 

Desde a esquerda, Hersh Goldberg-Polin, Ori Danino, Eden Yerushalmi, Almog Sarusi, Alexander Lobanov y Carmel Gat, en fotos sen datar/ Foro das Familias dos Reféns Desde a esquerda, Hersh Goldberg-Polin, Ori Danino, Eden Yerushalmi, Almog Sarusi, Alexander Lobanov y Carmel Gat, en fotos sen datar/ Foro das Familias dos Reféns
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade