A industria avanza unha baixada do prezo do leite nos novos contratos
A industria avanza unha baixada do prezo do leite nos novos contratos
Algúns gandeiros recibiron ofertas de contratos anuais con recortes de ata sete céntimos litro
Unións Agrarias pide non asinar porque "non hai motivos que xustifiquen" a baixada
Despois de 18 meses de suba, o prezo medio do leite en Galicia acadou os 58,6 céntimos no mes de decembro. Unha cifra histórica que podería diminuír en pouco tempo se atendemos ás propostas de contrato anual que lles están a chegar a algúns gandeiros.
"Están empezando a chegar os novos contratos ás granxas e veñen cuns prezos máis baixos, non concordan co momento que vive o sector", explica José Manuel Liste Liñares, gandeiro do concello de Trazo.
"Fálase de reducións de cinco, seis e sete céntimos por parte dalgunha industria grande, pero son ofertas que lanzan ao mercado e que polo momento non son vinculantes. Imos tentar que non se asinen", engade o responsable do sector lácteo en Unións Agrarias, Óscar Pose.
Recomendan non asinar, porque din que non hai motivos que xustifiquen o recorte. Falan de globos sonda que lanzan as industrias, coas que queren negociar para evitar que baixen os prezos. Do contrario, moitas ganderías, sobre todo as pequenas, volverían estar contra as cordas.
"Se tivésemos uns custos de produción estables aínda podiamos botar contas e calcular se cubrimos gastos, pero os custos cambian diariamente. Se nos baixan os prezos acabarán pechando granxas", advirte o gandeiro José Manuel Liste.
E se pechan granxas e sacrifican animais volvería haber escaseza de leite no mercado europeo. Unha situación que non convén nin aos gandeiros nin ás industrias, que o pasado ano tiveron apuros para atopar toda a materia prima que buscaban.