Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación segue sen estar controlada, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A inflación segue sen estar controlada, por Maite Cancelo

G24.gal 29/09/2023 08:07

A inflación volve aumentar en setembro, sitúase no 3,5 % fronte ao 2,6 % de agosto, segundo o dato adiantado polo INE. Á falta de datos desagregados, o Instituto avanzou que este cambio na evolución é debido ao incremento dos prezos da electricidade e dos carburantes.

A pesar de que levamos tres meses de avances, o goberno de España, e en concreto a Ministra Nadia Calviño, fala dun efecto basee, ou o que é o mesmo, de que en setembro do ano pasado estes bens tiveran unha baixada nos seus prezos (co que o índice foi menor) e o aumento deste mes é maior por ese efecto.

O que non nos di o Goberno é que eses efectos tamén se producen en xeral nos continuos avances dos prezos e que o aumento acumulado destes fai que o nivel dos mesmos sexa dificilmente sostible para as familias e as empresas.

Así, o aumento de prezos en agosto con relación ao ano 2020 foi de case un 17 %, pero próximo ao 28 % en alimentos e bebidas non alcohólicas. Por produtos, non fai falta ir ás cifras do INE, só hai que preguntar ás amas de casa, que son as que máis entenden dos prezos da compra diaria: froitas frescas, peixe, carne, leite, ovos, aceite e unha longa listaxe de produtos cuxo prezo se incrementou en valores nunca vistos. Nalgúns casos hai prezos máis que duplicados e isto está a ocasionar que se estean modificando os hábitos de consumo e que estes sexan cada vez menos saudables.

Perspectivas e medidas

A maior parte dos analistas concordan en que os prezos aínda non van baixar a curto prazo. Pensemos que o que vivimos nalgúns meses deste ano foi un freo no seu crecemento, pero baixar, o que se di baixar, non baixaron nos últimos dous anos.

Ademais, hai que ter en conta que non se espera unha redución dos prezos do petróleo e do combustible, senón que, dado o anuncio de continuar reducindo a produción de petróleo que realizaron Arabia Saudita e Rusia, a previsión é que o cru continuará aumentando o seu prezo, polo menos ata final de ano, sendo este o principal risco para a inflación e sendo difícil prever como evolucionará o próximo ano.

De feito, o Banco de España xa revisou a semana pasada a súa previsión de inflación para o 2023, elevándoa en catro décimas máis, ata o 3,6 % e, iso sen coñecer o dato de setembro.

Para achegar un apuntamento positivo, a inflación subxacente (a que non ten en conta a enerxía nin os alimentos frescos) modera o seu crecemento ata o 5,8 %, previsiblemente polo comportamento do sector servizos, dado o arrefriado da demanda interna debido á subida dos tipos de xuro.

Pero como a subida de tipos aínda non está a ser o efectiva que se espera e como hai marxe para que España adopte medidas máis contundentes, algúns apuntamentos poden ser:

- Actuar sobre a demanda, reducindo o gasto público (que segue sendo expansivo) ou ampliando a redución do IVE a outros alimentos e o de carburantes (que xa se aplicou noutros países). No caso do IVE, hai que sinalar que temos un importante aumento na súa recadación que tampouco se utilizou para reducir o déficit das arcas públicas senón para seguir expandindo o gasto.

- Actuar sobre a oferta, incrementando a competencia para reducir o poder de fixación de prezos das empresas nalgúns mercados e que estes baixen ou, polo menos, deixen de subir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar