Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación sobe ao 10,2 % en xuño, a taxa máis alta dende 1985

A inflación sobe ao 10,2 % en xuño, a taxa máis alta dende 1985

Este indicador proporciona un avance do IPC que, en caso de confirmarse, suporía un aumento dun punto e medio na súa taxa anual, xa que no mes de maio a variación foi do 8,7 %

G24.gal 29/06/2022 09:05 Última actualización 29/06/2022 14:38

A inflación escalou en xuño ao 10,2 % en taxa anual pola alza dos carburantes e os alimentos e marcou o seu nivel máis alto desde abril de 1985, segundo o indicador adiantado publicado este mércores polo Instituto Nacional de Estatística.

Este indicador proporciona un avance do IPC que, en caso de confirmarse, suporía un aumento dun punto e medio na súa taxa anual, xa que no mes de maio a variación foi do 8,7 %.

Esta evolución debeuse, principalmente, ao encarecemento dos carburantes, maior este mes que en xuño de 2021, e dos alimentos e bebidas non alcohólicas, fronte á estabilidade rexistrada o ano anterior.

O INE tamén sinala ao incremento dos prezos dos hoteis, cafés e restaurantes, superior ao do pasado ano.

A taxa xeral do IPC mantén a senda alcista que comezou en marzo de 2021. O nivel de xuño rompe o máximo rexistrado o pasado marzo do 9,8 % superando a barreira das dúas cifras.

As medidas do Goberno para poñer tope ao gas, coñecidas como excepción ibérica, non frearon a suba de prezos. Unha escalada que os expertos agardan sexa transitoria, pero que aínda terá percorrido.

A profesora e doutora de Economía aplicada da USC, María Cadaval, apunta que "o outono será frío dende o punto de vista económico. Veremos como se vai notando o efecto que ten realmente a inflación no bolso da poboación".

Cifras que impactan no peto dos cidadáns e que na rúa se traducen en preocupación. Dende a OCU, o seu portavoz, Manuel Vives, advirte de que segundo os seus datos "unha de cada catro familias ten serios problemas para chegar a fin de mes. Tamén cremos que hai que reducir o IVE dos alimentos básicos".

En declaracións na Cadena Ser, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que o dato de inflación demostra "a gravidade" da situación derivada da guerra en Ucraína, así como "a idoneidade" das medidas tomadas polo Goberno e a necesidade de seguir traballando, especialmente no mercado eléctrico desde o ámbito europeo.

Sánchez tamén defendeu que de non poñerse en marcha as medidas activadas polo Goberno a inflación sería "4 puntos" superior ao visto.

Canto á inflación subxacente -índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos- aumentou seis décimas, ata o 5,5 %. De confirmarse esta cifra, sería a máis alta desde agosto de 1993, apunta o INE.

Canto á evolución mensual, os prezos de consumo subiron nun 1,8 % respecto de maio, segundo este indicador adiantado.

Feijóo di que a inflación constata "o fracaso" do Goberno

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que a subida da inflación constata "o fracaso das políticas erráticas do Goberno", e pediu ao Executivo pensar máis nos cidadáns.

"Os prezos levan subindo máis dun ano e o dato de xuño constata o fracaso das políticas erráticas do Goberno. Debería aplicar por completo o plan económico do PP e pensar máis nos cidadáns e menos en resistir custe o que custe", incidiu Feijóo na súa conta de Twitter na que lembrou cun vídeo o conxunto de medidas económicas urxentes que debería aplicar o Goberno.

Racionalizar o gasto, baixar impostos, redeseñar os fondos europeos ou reformas estruturais a medio prazo para incentivar a actividade económica son algunhas das propostas dos populares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade