Publicador de contidos
Publicador de contidos

A invasión rusa provocou a fuxida de máis de 368.000 persoas cara a outros países

A invasión rusa provocou a fuxida de máis de 368.000 persoas cara a outros países

Segundo a ONU, outras 160.000 desprazáronse polo interior do país

A organización contabiliza a morte de, polo menos, 64 civís

 

G24.gal 27/02/2022 09:33 Última actualización 27/02/2022 12:45

A Axencia da ONU para os Refuxiados, (ACNUR) eleva a 368.000 o número de ucraínos que abandonaron o seu país tras a invasión do seu territorio por parte de Rusia, que comezou o 24 de febreiro. Saíron cara á veciña Polonia. Outros 43.000 cruzaron a fronteira ata Romanía, e tamén se rexistraron movementos cara a Moldova, Eslovaquia, e mesmo Rusia, de acordo con ACNUR.

Calcula tamén que hai uns 160.000 desprazados internos como consecuencia da guerra e os combates.

Tanto a axencia para os refuxiados da ONU coma o Goberno ucraíno advertiron nos días previos que ata cinco millóns de persoas, case a décima parte da poboación de Ucraína, podería abandonar o país polo ataque ruso.

A Oficina das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos calcula que o conflito deixou, polo de agora, 240 vítimas civís, das que polo menos 64 faleceron. Tamén denuncia que os ataques danaron ou destruíron centos de vivendas.

Outras quedaron incomunicadas ou sen subministración de electricidade e auga polos danos que os bombardeos causaron en infraestruturas civís como estradas ou pontes, indica a oficina.

Suspendidas as operacións

A Oficina para a Coordinación de Asuntos Humanitarios asegura que as axencias da ONU e os seus socios víronse forzados a suspender as súas operacións en Ucraína pola deterioración da seguridade no país, aínda que o persoal mantén presenza sobre o terreo.

A ONU destinou unha suma inicial de 20 millóns de dólares do seu Fondo Central de Resposta a Emerxencias co fin de financiar a axuda humanitaria, e nos próximos días lanzará un chamamento á comunidade internacional para que acheguen máis fondos neste sentido.

Contexto de pandemia

As axencias humanitarias lembran que a actual guerra se produce nun contexto de pandemia. De feito, os dez días anteriores ao ataque os casos de covid-19 en Ucraína multiplicáranse un 555 % polo auxe da variante ómicron.

Os fluxos de desprazados poderían aumentar o risco de contaxios e causar moita presión nun sistema sanitario saturado polo número crecente de feridos no conflito, advirte a ONU.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade