A investidura de Sánchez podería ser o 15 e 16 de novembro
A investidura de Sánchez podería ser o 15 e 16 de novembro
Coas negociacións case rematadas, á falta do si do PNV, fontes socialistas marcan no calendario o 15 e 16 de novembro como datas para a investidura de Pedro Sánchez.
O período de negociacións está a piques de chegar á súa fin. No día de hoxe, o PSOE e Junts pecharon o seu acordo polo cal os 7 deputados da formación de Puigdemont votarán a favor da investidura do líder socialista.
Aínda falta cortar algúns flocos co PNV, encargado de dar os votos imprescindibles para lograr a investidura. O pacto parece estar ao virar a esquina, pois así o afirmaba o secretario da Organización do PSOE, Santos Cerdán, esta mañá.
"Se o pacto non está pechado xa, está a piques de pecharse", dicía na conferencia de prensa posterior á presentación pública do acordo con Junts.
Outro tema que aínda esta por ultimarse é a amnistía. O texto de proposición desta lei deberá recibir o previsible visto e prace dos grupos parlamentarios que apoian a investidura. Unha vez feito isto, a proposta presentarase no rexistro do Congreso para posteriormente ser admitida pola Mesa da cámara.
Despois deste último paso, celebraríase o debate de investidura de Pedro Sánchez. Todo apunta a que será elixido na primeira votación, por maioría absoluta, pois só falta por facerse público o si do PNV.
Así, estase á espera da comunicación oficial da data que acordarán a presidenta da cámara, Francina Armengol e o presidente en funcións, Pedro Sánchez.