A mocidade pode gozar na primavera dos programas de ocio da Consellería de Xuventude
A mocidade pode gozar na primavera dos programas de ocio da Consellería de Xuventude
O programa Primavera Xove está dirixido a mocidade entre 14 e 30 anos e dura ata o mes de maio
Aínda quedan prazas que poden solicitarse na web da Consellería de Xuventude
A mocidade xa pode participar no programa de ocio Primavera Xove, da Consellería de Xuventude. Durante cinco días nas vacacións, ou nas fins de semana, teñen ocasión de realizar actividades deportivas e lúdicas nos albergues xuvenís.
Os participantes que xa se inscribiron no programa para esta Semana Santa chegaron o venres ao albergue das Sinas coa intención de practicar algún deporte náutico e pasar xuntos cinco días de vacacións despois de remataren as clases.
O vento fixo que as actividades na auga se demorasen e tocou empezar por actividades na area. O único obxectivo é pasalo ben e coñecer xente e lugares novos, tal e como contaban os mozos que acudiron ás instalacións das Sinas, en Vilanova de Arousa.
O programa Primavera Xove da Consellería de Xuventude adianta as actividades propias dos campamentos de verán para favorecer o ocio dos máis novos e tamén a conciliación das familias.
"As actividades teñen como obxectivo que os mozos o pasen ben e tamén poder abrir as instalacións xuvenís máis aló dos meses de verán. Nestes momentos estamos coa xuventude da primeira quenda deste programa de Primavera Xove. Son máis de 600 prazas que imos ofertarlles a todos os mozos para que pasen as fins de semana e tamén durante estas vacacións de Semana Santa", detallaba Fabiola García, conselleira de Xuventude en funcións.
Neste programa pode participar a mocidade entre os 14 e os 30 anos e aínda quedan prazas en distintos albergues nas quendas de fin de semana. Poden inscribirse a través da web da Consellería de Xuventude.