Publicador de contidos
Publicador de contidos

A morte dun menor a mans da policía causa disturbios en Francia

A morte dun menor a mans da policía causa disturbios en Francia

O rapaz de 17 anos recibiu un disparo tras tentar saltar un control de policía

Os axentes implicados mentiron ao dicir, na súa primeira declaración, que fora en defensa propia e que se sentiran ameazados polo menor

G24.gal 28/06/2023 11:33

As forzas da orde francesas detiveron a noite pasada 24 persoas por participar nos disturbios que se produciron en Nanterre e noutras cidades da periferia de París. Na orixe deste estalido está a morte de Naël, un mozo de 17 anos con antecedentes que conducía sen carné e que, despois de ser detido por unha parella de policías, tratou de escapar co vehículo e recibiu entón un tiro mortal.

Un vídeo do feitos gravado por unha testemuña a distancia mostra como un dos axentes, un brigadier de 38 anos, apuntaba directamente ao menor coa súa arma xunto á ventá do condutor mentres o outro falaba con el nese mesmo lado.

O Goberno francés vai despregar 2.000 policías e xendarmes en cidades da periferia de París para evitar que se reproduzan os disturbios. O ministro do Interior, Gérald Darmanin, fixo este mércores un chamamento á calma antes de asegurar que se coñecerá toda a verdade sobre os feitos que están na orixe dos altercados.

Darmanin falou sobre "esas imaxes extremadamente chocantes" do disparo ao menor e afirmou que "en ningún caso se xustifica un xesto como o que vimos", sinalou o titular do Interior.

A familia ten intención de presentar unha denuncia por falsificación, ao considerar que os axentes implicados no incidente mentiron na súa primeira declaración. O disparo produciuse no momento en que o coche aceleraba, sen ameazar directamente a integridade dos policías, o que alegaron nun primeiro momento.

Estes feitos xeraron unha reacción política sobre todo dalgúns responsables de esquerdas que denunciaron o gran número de mortos a mans da policía que tratan de ampararse na lexítima defensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade