A nova alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, é a máis nova de Galicia
A nova alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, é a máis nova de Galicia
Uxía Oviedo ten 23 anos e lideraba a lista do PSOE, gobernará en coalición co BNG tras oito anos do PP
Di sentirse moi ilusionada e o seu primeiro obxectivo é mellorar os servizos para que a veciñanza do rural teña unha vida máis digna
O seu pai xa foi alcalde de Maceda e di que lle gusta a política dende moi pequena
Xa co bastón de mando do Concello, acompañamos a Uxía Oviedo o primeiro día que entra no despacho da alcaldía. Os parabéns non paran de chegarlle.
Ás veces dinme, "con 23 anos só", pero eu sempre digo que a alcaldía dun concello é un reto teñas a idade que teñas e a experiencia cóllese a medida que vas camiñando.
E é que estase a falar moito dela por converterse na alcaldesa máis nova de España.
Preferiría que iso quedase xa en segundo plano pero non me importa porque tamén é unha maneira de darlle visibilidade, que a xente nova temos que ocupar postos de poder e temos que implicarnos nos nosos pobos, nas nosas cidades porque ao final somos o futuro do país"
Un reto e unha ilusión para esta graduada en belas artes que segue estudando para ser profesora pero que dende pequena xa soñaba con ser alcaldesa.
Os meus pais sempre me levaron con eles a todos os sitios aos que ían, como estaban vinculados á política fun a moitos mitins, manifestacións, charlas e actos de todo tipo, entón foi algo no que crecín e gústame.
Unha namorada da política que lideraba a lista socialista. Con catro concelleiros gobernarán Maceda en coalición co BNG que ten dous. O primeiro é, di, mellorar os servizos básicos e frear o despoboamento das 54 aldeas do municipio. Di que quere facer unha Maceda e un rural mellor.
Antes de vender grandes proxectos, que seguramente estean moi ben e se poidan facer o día de mañá, eu sempre digo que hai que conseguir que a xente que xa temos vivindo aquí que viva en condicións dignas e non teña que marchar. O meu interese é poder traballar polo meu pobo, pola miña terra e que o día de mañá se nos recorde como un goberno que mirou pola xente que é o máis importante".