A Oficina Económica da Xunta atendeu 19.000 consultas no primeiro ano
O xefe do Goberno galego defendeu a eliminación da trabas burocráticas para axilizar proxectos industriais e prometeu traballar "sen complexos" para evitar que os investidores marchen a outros territorios
A Oficina Económica de Galicia que creou a Xunta para axilizar a creación de empresas e apoiar os autónomos cumpre un ano. Neste tempo recibiron 19.000 consultas, o 85 % delas resoltas no acto; celebráronse 900 reunións con empresas e atenderon preto de 200 proxectos de especial relevancia.
Na presentación do balance deste primeiro aniversario, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o labor desta oficina para impulsar os investimentos en Galicia. O xefe do Goberno galego defendeu a eliminación das trabas burocráticas para axilizar proxectos industriais e prometeu traballar "sen complexos" para evitar que os investidores marchen a outros territorios.
Formada por máis de 100 profesionais de diferentes sectores, funciona como unha canle única entre empresas e Administración que ofrece información e atención individualizada, personalizada e especializada.
Rueda dixo que esta iniciativa está "chamando a atención" fóra de Galicia e destaca que se enmarca na aposta da Xunta por facer de Galicia un lugar "atractivo e competitivo" para os emprendedores.