A ómicron podería causar máis do 50% das infeccións en Europa nuns meses
A ómicron podería causar máis do 50% das infeccións en Europa nuns meses
A OMS anticipa que se propagará como a delta
Coa maior parte dos países somerxidos desde hai semanas nunha vaga nova de contaxios e coa chegada agora da variante ómicron, Europa endurece as restricións.
Alemaña proponse implantar en febreiro a vacinación obrigatoria. Tras uns días á baixa, a incidencia subiu a máis de 442 infeccións novas por cen mil habitantes. Tamén aumentaron os mortos, 378 nas últimas 24 horas. Merkel chamou aos alemáns a vacinarse na súa última mensaxe á poboación.
Francia volveu superar a barreira dos 2.000 pacientes en coidados intensivos, unha cifra que non se daba desde setembro. O país veciño pide desde hoxe unha proba negativa aos viaxeiros de fóra da Unión e aos europeos non vacinados.
Austria decidiu ampliar o confinamento ao que xa tiña sometida a súa poboación e tamén quere impoñer a vacinación, con multas de ata 7.200 euros para quen non se inmunice.
Italia pretende ampliar a imposición de vacinas a máis traballadores do sector público e a partir do luns restrinxirá o acceso dos non vacinados a cines ou restaurantes e imporalles unha proba negativa no transporte público.
A covid vai sen freo na maior parte da Unión. Hoxe detectouse a enfermidade en dous hipopótamos dun zoolóxico de Bélxica. É o primeiro rexistro publicado de infección nesta especie.