Rescatan un neno que caeu nun pozo en Bertamiráns, no concello de Ames
Rescatan un neno que caeu nun pozo en Bertamiráns, no concello de Ames
O menor foi trasladado consciente en ambulancia ao hospital para revisar o seu estado
Caeu por causas que se descoñecen nun oco duns seis metros de profundidade
Os servizos de emerxencias rescataron un neno que caeu a última hora deste sábado, contra as 20:00 horas, nun pozo en Bertamiráns, no municipio coruñés de Ames.
A persoa que chamou á central de emerxencias do 112 Galicia sinalaba que o mozo falaba e que había mais xente tentando sacar o neno do buraco. Canda o rapaz estaba a súa familia.
Así, os operadores do 112 solicitaron a colaboración do GES de Brión e dos Bombeiros de Boiro. Tamén deron aviso aos voluntarios de Protección Civil de Ames e aos axentes da Policía Local e Garda Civil.
Tamén se alertaron os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron o neno ao complexo hospitalario universitario de Santiago (CHUS) unha vez que os efectivos de emerxencias lograron sacalo do pozo.
O pozo está situado a carón dunha estrada secundaria na que hai vivendas unifamiliares, onde no momento do suceso había bastante xente por tratarse dunha zona concorrida.