A oposición e o chavismo reivindican o triunfo electoral nas rúas de Caracas
A oposición e o chavismo reivindican o triunfo electoral nas rúas de Caracas
Nicolás Maduro dixo que os opositores detidos poderían rematar no cárcere
A oposición venezolana reivindicou de novo nas rúas de Caracas o triunfo nas eleccións presidenciais do pasado domingo. Na mobilización non estivo presente o candidato presidencial opositor, pero si asistiu a líder da coalición, María Corina Machado, ameazados os dous polo chavismo gobernante.
"Nosoutros non caemos en provocacións, a violencia está aló, xa que é o único recurso que lles queda, sinalou a líder opositora".
Os opositores aseguraron que manterán a presión ata que o goberno de Nicolás Maduro entregue as actas electorais e recoñeza a súa derrota.
"Isto amósalle ao mundo a magnitude da forza, e o que significa que imos chegar ata o final", engadiu María Corina Machado.
Pouco despois, e cun percorrido distinto, tamén se mobilizaron en Caracas os seguidores do goberno chavista. Nicolás Maduro reivindicou de novo o triunfo electoral, e ameazou coa prisión ós opositores detidos nas protestas desta semana.
Resolvemos coa Constitución e en paz o brote fascista. Temos dous mil presos capturados, e de aí van para Tocorón, máximo castigo", afirmou o dirixente chavista
O mandatario venezolano asegurou que manterán as medidas de control en todo o país.
"As patrullas militares, policiais, vanse manter en todas as cidades e vilas, para protexer o pobo", subliñou Nicolás Maduro.
Os dous bandos enfrontados en Venezuela van manter as medidas de presión, reivindicando os dous o triunfo electoral.