Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rexistrada a moción de censura en Muxía, co independente Sar de candidato

Rexistrada a moción de censura en Muxía, co independente Sar de candidato

A moción está asinada polo PP, partido maioritario da oposición, con 3 edís; Independentes por Muxía (IxM), con dous concelleiros, e a concelleira do BNG

O pleno para votar a moción e investir o novo alcalde celebrarase o próximo 7 de outubro ás 12:00 horas

O socialista Iago Toba, actual alcalde, nunha imaxe de arquivo O socialista Iago Toba, actual alcalde, nunha imaxe de arquivo
G24.gal 23/09/2024 11:17 Última actualización 23/09/2024 12:36

Os tres partidos da oposición no Concello de Muxía rexistraron este luns a moción de censura contra o alcalde socialista deste municipio, Iago Toba, e propuxeron como candidato á alcaldía o portavoz de Independentes por Muxía, o expatrón maior da confraría de pescadores Francisco Javier Sar.

A censura está asinada polo PP, partido maioritario da oposición con 3 edís; Independentes por Muxía (IxM), con dous concelleiros, e a concelleira do BNG.

O pleno para votar a moción e investir o novo alcalde celebrarase o próximo 7 de outubro ás 12:00 horas.

O socialista Iago Toba leva gobernando en Muxía cinco anos, pero desde os comicios locais de 2023 faino en minoría. Tras esas eleccións, en que o PSdeG baixou de 7 a 5 representantes, Toba foi investido cos únicos votos do seu grupo, mentres que os grupos da oposición non alcanzaron un acordo para conformar unha maioría alternativa.

A portavoz do PP, Sandra Vilela, incidiu en que o acordo para a moción de censura non foi "algo improvisado" nin "froito dunha rabecha", senón que foi resultado do diálogo e a negociación, e tamén dunha importante concesión por parte do grupo popular, que aceptou renunciar á alcaldía para desbloquear unha "situación absolutamente insostible". "Tres partidos moi diferentes deixamos de lado o que nos separa para unirnos polo ben de Muxía", proclamou, á vez que censurou a actitude do rexedor socialista, "incapaz" de negociar, dialogar ou debater para chegar a acordos coa oposición, a pesar de gobernar en minoría.

"Malas formas" e situación "imposible de reconducir" 

Na mesma liña, o líder de Independentes por Muxía, Francisco Javier Sar, destacou que a oposición primou a súa responsabilidade cara aos veciños, deixando de lado "intereses partidistas" e, despois de que non fose posible o acordo tras as eleccións locais, agora pactaron unha censura para poñer fin ao mandato de Iago Toba.

"Debería ser antes", explicou, tras sinalar que o Goberno do socialista se caracterizou pola "falta de comunicación" e as "malas formas" co resto da Corporación municipal. Sar, que asumirá a Alcaldía, se non hai sorpresas, no pleno do próximo 7 de outubro, recoñeceu que "ninguén dixo que sexa fácil" a nova etapa, a falta de coñecer como se conformará o próximo goberno local, pero garantiu que "o primeiro será cambiar as formas" no Concello.

Finalmente, a portavoz do BNG, Mercé Barrientos, recalcou que o que ocorre en Muxía é "unha situación de excepcionalidade democrática", cun rexedor que incorre continuamente en "insultos" e desprezos persoais cara á oposición, con comentarios vexatorios e machistas e con falta de xestión política e de atención ás necesidades dos veciños. E todo iso, engadiu, sen que o PSdeG fixese "nada por rebaixar ese nivel de agresividade", chegándose a unha situación "imposible de reconducir".

De feito, lembrou que, no pleno de investidura de xuño de 2023, o BNG non votou ao candidato socialista, algo que é "unha anomalía", pero que foi unha decisión consciente (o seu voto foi para IxM) porque coñecía os "precedentes" e que Toba "non estaba capacitado" para asumir o goberno local. Por outra banda, volveu a insistir en que o BNG "nunca" dará unha alcaldía ao PP, do que o diferencia "unha ideoloxía diametralmente oposta". Por iso, aceptou o acordo para a censura e para propoñer a Sar como alcalde, poñendo fin así a "16 meses delirantes".

Besteiro e Pontón

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de "aberración" a moción de censura que se expón en Muxía, dos tres concelleiros do PP co apoio dos dous independentes e o do BNG, e mostrouse sorprendido polo apoio dos nacionalistas a este "xiro antidemocrático".

Nunha conferencia de prensa no Parlamento, Besteiro dixo que lle parece "unha aberración" esta moción en que "o menos votado vai ser o que ostente a alcaldía", e apuntou que lle sorprende o apoio do BNG ao PPdeG, aínda que non lle sorprende o movemento por parte deste último partido, dado "o punto en que se atopa con certa frecuencia nese mundo das mocións de censura". Pero si lle sorprendeu, dixo, que "o BNG entre nesa posición" e ese "xiro antidemocrático" e "un pouco antisocial" de que "quen ten menos votos sexa quen ostente a alcaldía" se se confirma esta moción de censura.

Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, non quixo entrar a falar sobre esta iniciativa en Muxía, xa que a Executiva do partido "vai ser quen valore esta situación", polo que se remitiu ás "valoracións" que este órgano adoptará pola tarde, cando se reúna ás 16:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade