Publicador de contidos
Publicador de contidos

A OTAN acolle este martes formalmente a Finlandia como aliado

A OTAN acolle este martes formalmente a Finlandia como aliado

A fronteira terrestre entre a Alianza e Rusia será "máis do dobre" que a actual, di o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg

Suecia, que solicitou o seu ingreso ao mesmo tempo, aínda agarda pola ratificación de Hungría e Turquía

EFE 03/04/2023 16:09

A OTAN acollerá este martes a Finlandia como o trixésimo primeiro membro formal da Alianza, unha vez concluído o seu proceso de adhesión, cunha cerimonia o mesmo día en que se reúnen os ministros de Exteriores aliados na sede da organización.

"Mañá acolleremos a Finlandia como o trixésimo primeiro membro da OTAN, facendo a Finlandia e á nosa Alianza máis fortes", anunciou o secretario xeral aliado, Jens Stoltenberg, nunha conferenica de prensa este luns.

O político noruegués explicou que, nunha cerimonia ás 15:30 horas, izarán a bandeira de Finlandia “por primeira vez” no cuartel xeral da Alianza.

“Este é un día verdadeiramente histórico, un gran día para a Alianza”, asegurou Stoltenberg, que lembrou que a cerimonia coincidirá co 74 aniversario do nacemento da OTAN, o 4 de abril de 1949.

Turquía foi o último dos 30 aliados actuais en ratificar o protocolo de acceso á OTAN de Finlandia, e para que se culmine o proceso debe depositar o "instrumento de adhesión" no Departamento de Estado dos Estados Unidos.

O político noruegués sinalou tamén que, coa integración de Finlandia, a fronteira terrestre entre a Alianza e Rusia será “máis do dobre” que a actual, polo que se o presidente ruso, Vladimir Putin “foi á guerra contra Ucraína co claro obxectivo de ter menos OTAN”, está a obter “o contrario”.

“Finlandia achegará á Alianza substanciais forzas militares, ben adestradas, ben equipadas, tamén cun amplo exército de reservistas”, dixo Stoltenberg, que subliñou que Helsinqui está “entre os poucos países que non reduciu investimento en defensa ao final da Segunda Guerra Mundial”.

Mentres que Finlandia culminará mañá o seu camiño cara á Alianza, Suecia, que solicitou o seu ingreso ao mesmo tempo, aínda espera recibir o visto e prace de Hungría e Turquía.

Ankara segue mantendo dúbidas sobre os compromisos de Suecia para atallar o terrorismo kurdo.

Stoltenberg expresou hoxe a súa confianza en que Suecia se convertera en membro da Alianza, o que considerou “unha prioridade para a OTAN” e “para min”, e engadiu que espera que iso suceda nun “futuro próximo”.

“É o proceso de adhesión máis rápido da historia”, engadiu, en calquera caso, sobre os progresos de ambos os países, que foron convidados formalmente a unirse á Alianza o verán pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade