A OTAN di que Ucraína está "máis preto ca nunca" da Alianza; Zelenski pide "garantías de seguridade"
A OTAN di que Ucraína está "máis preto ca nunca" da Alianza; Zelenski pide "garantías de seguridade"
A OTAN di que Ucraína está "máis preto ca nunca" da Alianza; Zelenski pide "garantías de seguridade"
O presidente ucraíno recoñece que unha invitación formal "sería o óptimo", e Stoltenberg responde que pronto se verán "como aliados"
Tras o Cumio de Lituania, os líderes do G7 asinarán un acordo de axuda militar a Kíiv a longo prazo
Hai decepción a medias na delegación ucraína ante as condicións que fixa a OTAN para a súa adhesión. Non hai data establecida, porque a Alianza invita o país a sumarse "cando se dean as condicións", pero a cambio simplifica o proceso para incorporar o que será o membro número 33. Tamén blinda o apoio militar a Ucraína e crea un mecanismo permanente de consulta. Por iso Volodimir Zelenski, o gran protagonista en Vilna, rebaixa o ton e as esixencias e agradece "as garantías de seguridade no camiño cara á OTAN".
Nunha rolda de prensa conxunta co secretario xeral, o líder ucraíno dixo que "Os resultados do cumio son bos, pero unha invitación formal sería o óptimo". Stoltenberg respondeu solemnemente: "Hoxe encontrámonos como iguais, desexo o día en que nos reunamos como aliados".
Zelenski mantivo encontros bilaterais cos primeiros ministros británico e canadense e co chanceler alemán, dos que obtivo o compromiso de maior armamento. Unha vez rematado o cumio, os líderes do G7 asinarán unha declaración en que se comprometen a dar axuda militar a Kíiv a longo prazo, para defenderse ante calquera ataque futuro. Unha promesa que Rusia xa cualificou como "perigosa" para Occidente.