Publicador de contidos
Publicador de contidos

A pandemia avanza en boa parte de Europa onde medran as restricións

A pandemia avanza en boa parte de Europa onde medran as restricións

Volven as limitacións e os confinamentos

G24.gal 20/11/2021 14:10

Esta noite vivíronse disturbios en Róterdam. Seguiron ás protestas contra as restricións nos Países Baixos. Deixaron máis de media ducia de feridos e unha vintena de detidos.

Esta sábado están convocadas varias manifestacións en Austria, o país europeo á cabeza na implementación de limitacións contra a covid. Ten confinados os non vacinados e a partir do luns, e como mínimo por vinte días, tamén deberán quedar na casa os demais. Só abrirán as farmacias e as tendas de alimentación.

"As universidades pechan e toda a miña docencia pasa a ser en liña. En dous anos apenas din dous meses de clases presenciais. É desesperante e esgotador", asegura o galego Jesús Millán, profesor universitario en Innsbruck.

Austria rexistra mil contaxios por cen mil habitantes á semana e ten varios hospitais ao límite. As autoridades acordaron a vacinación obrigatoria a partir de febreiro. Arestora, ten a pauta completa o 65% da poboación, unha das cifras máis baixas de Europa Occidental.

"Os antivacinas aquí teñen as súas raíces e apoios desde partidos da ultradereita populista, o Partido da Liberdade, pasando polos antroposofistas, os conspiranóicos... Unha parte da poboación non só non se inmuniza senón que tamén fai proselitismo en contra das vacinas", engade.

A pandemia tamén está rexistrando marcas en Alemaña que, ante resistencia de parte da poboación a vacinarse, teme unha quinta vaga. Andan por riba dos 60.000 contaxios nun día e hai hospitais próximos ao límite.

No estado de Saxonia, o máis afectado, decretouse un peche parcial da vida pública para toda a poboación. A partir do luns e durante tres semanas, suspéndense as actividades culturais, deportivas e de ocio. Pechan bares, discotecas e mercados de Nadal e os restaurantes só abren con horarios reducidos e para vacinados.

O luns entra en vigor unha lei de protección sanitaria que esixe o certificado de vacinación ou un test negativo diario no traballo e no transporte público.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar