Publicador de contidos
Publicador de contidos

O lugar de Salouzáns, na Estrada, coñecíase como o Nova York 'chiquito' en 1928

O lugar de Salouzáns, na Estrada, coñecíase como o Nova York 'chiquito' en 1928

Foi un dos primeiros lugares do rural galego en dispoñer de alumeamento público

A Ruta dos Muíños de Golfariz inclúe a antiga minicentral da Veiga Grande

A minicentral da Veiga Grande, unha das construcións recuperadas e en funcionamento da ruta
G24.gal 13/04/2023 20:11 Última actualización 13/04/2023 21:21

Durante os anos de pandemia, Manuel López Castiñeiras foi recuperando as estragadas paisaxes da súa infancia. As inmediacións do regueiro de Golfariz convertéranse nunha selva ao abandonarse a actividade nos muíños.

No tempo libre e do propio peto, foi rozando e abrindo sendeiros, levantando muros e tellados, esculpindo letreiros e recuperando pezas ata abrir os tres quilómetros da Ruta dos Muíños de Golfariz, coa central da Veiga Grande, unha das primeiras fábricas de luz de Galicia, construída en 1927. Este canteiro xubilado relata a historia.

"Fíxoa un emigrante que marchou aos Estados Unidos e aló xa había centrais destas así pequenas, e entón dixo que cando volvera lle ía dar luz á súa aldea. O lugar de Salouzáns foi bautizado como o Nova York 'chiquito' polo adianto que tivera, foi un dos primeiros lugares de Galicia en ter corrente".

Na metade do século pasado, a minicentral caeu en desuso.

"Eu agora tratei de recuperala con corrente para que os turistas que veñan poidan ver como funcionaba antigamente esa central. Ten tres lámpadas prendidas día e noite seguido, non gastan nada. Como se estivésemos vivindo nos anos 20".

Canda a central e media ducia de muíños, Manuel recuperou a microtoponimia do lugar.

"Gravei letreiros en pedra, en rústica, e son únicos no mundo".

Agradéceno os milleiros de visitantes que xa ten a ruta.

"Xa superamos os catro mil. Eu fíxeno con idea de darlle auxe á parroquia, ao rural, porque estamos deixando o rural abandonado completamente".

Agarda que no futuro a ruta non se volva estragar.

Igual que o antigo promotor da central, Manuel tamén alumeou co seu traballo un chisco do rural galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar