A patronal galega cifra en cen millóns de euros o impacto da crise con Alxeria
A patronal galega cifra en cen millóns de euros o impacto da crise con Alxeria
O presidente da CEG asegura que os sectores do metal, o granito e a pesca son os máis afectados pola crise diplomática
Juan Manuel Vieites urxe o Goberno central a axilizar a transferencia dos fondos de recuperación ás empresas
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, cifra en cen millóns de euros o impacto económico nas empresas galegas da crise diplomática entre España e Alxeria.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, asegurou que os sectores do metal, a pesca e o granito son dos máis afectados e pídelle ao presidente do Goberno que "tome as rendas" canda o ministro de Asuntos Exteriores para endereitar pola vía diplomática a situación.
"Estamos a falar dun risco de preto de 100 millóns de euros, que efectivamente as exportacións, sobre todo polo atraso que se pode producir nestes momentos debido á situación, están a xogar en vendas pola conxelación dese comercio".
O presidente da patronal galega tamén se referiu á xuntanza este venres en Santiago coa vicepresidenta primeira económica, Nadia Calviño, para falar dos plans de recuperación europeos. Vieites urxe axilizar a transferencia dos fondos ás empresas ao entender que, malia as boas intencións, se vai con "atraso".
"Realmente non se está sendo áxil, só un de cada catro euros se programou para poder desenvolver eses fondos e realmente o 31 de decembro de 2023 está aí ás portas. Eu penso que imos moi atrasados, hai que axilizar todo isto".