Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía desprega 80 unidades móbiles para expedir o DNI e pasaporte en zonas rurais

A Policía desprega 80 unidades móbiles para expedir o DNI e pasaporte en zonas rurais

Este luns estreouse o primeiro dos 300 Puntos de Actualización de Documentos (PAD) fóra dunha oficina da Policía Nacional que haberá en toda España

Grande-Marlaska indicou que se está traballando para que o DNI no móbil sexa unha realidade nun futuro próximo

Presentación das unidades móbiles de documentación en Brihuega (Rafael Martín / Europa Press) Presentación das unidades móbiles de documentación en Brihuega (Rafael Martín / Europa Press)
G24.gal 21/10/2024 16:29

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, presentou este luns as novas unidades móbiles de Documentación da Policía Nacional, un total de 80 distribuídas por zonas rurais de toda España, que son capaces de expedir o DNI e o pasaporte en dez minutos.

A presentación dos novos dispositivos tivo lugar en Brihuega (Guadalaxara), onde o ministro destacou que sete das unidades móbiles xa van empezar funcionar e, no primeiro trimestre de 2025, sumaranse o resto ata alcanzar 80.

Nestes Vehículos Integrais de Documentación (Vidoc), explicou, emitiranse no momento, como en calquera comisaría de Policía Nacional, tanto o DNI como o pasaporte, realizándose isto último por primeira vez fóra das comisarías.

O xefe da División de Documentación da Policía Nacional, Francisco Herrero, explicou que desde 1951 España é un dos poucos países europeos que emite o DNI (ou documento equivalente) no momento, cunha media de 12 minutos, e que ata o de agora tamén se realizaba no ámbito rural pero cunha media de espera de tres días, debido aos trámites que requiría.

"Imos levar a xestión do DNI ás vosas casas, con trámites máis áxiles e próximos", sinalou Grande-Marlaska, incidindo en que estas unidades están deseñadas para mellorar a accesibilidade dos servizos públicos dixitais á cidadanía e ás empresas.

Ademais, hoxe tamén se estreou en Brihuega o primeiro Punto de Actualización de Documentos (PAD) fóra dunha oficina da Policía Nacional.

A Policía contará con 300 destes equipos, que se van instalar nas provincias da Coruña, Toledo, Valladolid, As Palmas, Granada, Sevilla e Badaxoz.

Estes PAD permitirán a renovación de certificados, cambios de contrasinais e xestións dixitais.

"É un cambio de paradigma de expedición, único a nivel mundial", sinalou Francisco Herrero.

O ministro do Interior sinalou que o pasado ano realizáronse máis de 7 millóns de DNI e tres millóns de pasaportes e no que levamos de ano, ata o 15 de outubro, a cifra de DNI realizados xa superaba os 9 millóns.

O ministro de Interior insistiu en que os equipos da Policía Nacional dedicados á elaboración da documentación "seguirán desprazándose a domicilios, hospitais, etc. cando sexa necesario, para que ningún cidadán quede atrás".

Por último, Grande-Markaska indicou que se está traballando para que o DNI no móbil sexa unha realidade nun futuro próximo. "Vai ser unha auténtica revolución no modo de relacionarnos coa administración pública e privada e será un elemento máis na nosa actividade cotiá", concluíu

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade