Publicador de contidos

Publicador de contidos

A policía detén o alcalde de Istambul, Ekrem Imamoglu, por corrupción e vínculos terroristas

A policía detén o alcalde de Istambul, Ekrem Imamoglu, por corrupción e vínculos terroristas

A policía rodeou a súa vivenda e rexistrou o seu domicilio; detivo o rexedor e numerosos colaboradores seus, e tamén cargos municipais

Dúas causas xudiciais acusan o rexedor de ser cabeza dunha organización criminal, con actos de corrupción, suborno e licitacións manipuladas; achácanlle tamén vínculos co proscrito Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), a guerrilla kurda de Turquía

Toda a oposicón condena esta detención; cren que trata de eliminar o principal rival do presidente Erdogan

O alcalde de Istambul,  Ekrem Imamoglu (Reuters / Arquivo) O alcalde de Istambul, Ekrem Imamoglu (Reuters / Arquivo)
G24.gal 19/03/2025 08:21

A Policía turca detivo este mércores o alcalde de Istambul, o socialdemócrata Ekrem Imamoglu, no marco dunha investigación xudicial por suposta corrupción e colaboración con grupos terroristas, en referencia á guerrilla kurda.

Unha gran despregadura de policía rodeou na madrugada a vivenda do alcalde e rexistrou o seu domicilio, detivo o rexedor e numerosos colaboradores seus, e tamén cargos municipais do mesmo partido, o socialdemócrata CHP.

Imamoglu gañou a alcaldía de Istambul nas eleccións de 2019 e puxo fin a un cuarto de século de goberno municipal islamista, renovou o mandato nos comicios de marzo do ano pasado e converteuse no máis probable rival do presidente islamista de Turquía Recep Tayyip Erdogan nas próximas presidenciais.

O CHP reclama que estes comicios, previstos para 2028, se adianten, e convocara para o vindeiro domingo unhas primarias en toda Turquía para designar o seu candidato. Dábase por feito que ía ser Imamoglu.

Onte mesmo, a Universidade de Istambul, na que Imamoglu se licenciou en Administración Empresarial en 1994, anulou o seu diploma alegando irregularidades na súa admisión en 1990, o cal bloquearía a súa candidatura presidencial, xa que ter formación universitaria é un requisito obrigatorio para ser presidente.

Ademais, a Fiscalía abriu nos últimos meses varias investigacións contra o alcalde e outras figuras do seu partido, e dous rexedores de distritos foron enviados a prisión preventiva.

As dúas causas xudiciais abertas agora contra Imamoglu e 106 persoas da súa contorna ou do CHP acusan o rexedor, por unha banda, de ser cabeza dunha organización criminal con ánimo de lucro, con actos de corrupción, suborno e licitacións manipuladas.

Doutra banda, achácanlle vínculos co proscrito Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), a guerrilla kurda de Turquía, a través da iniciativa coñecida como Consenso Urbano, que o CHP e o partido da esquerda prokurda DEM lanzaron antes das eleccións municipais de marzo de 2024.

Mediante esta estratexia, varias figuras próximas ao DEM, terceiro partido do Parlamente turco, presentáronse nas filas do CHP, á vez que moitos votantes habituais do DEM apoiaron a formación socialdemócrata, que así se converteu por primeira vez en décadas no partido máis votado de Turquía e desbancou ao AKP, a formación islamista de Erdogan.

Partidarios de Imamoglu protestan na rúa pola súa detención (Reuters/Tolga Uluturk) Partidarios de Imamoglu protestan na rúa pola súa detención (Reuters/Tolga Uluturk)

A redada contra Imamoglu e os seus colaboradores realizouse cunha enorme despregadura policial, pecháronse os accesos ao transporte público no centro da cidade e a oficina do gobernador anunciou unha prohibición de manifestacións ou marchas de protesta nos próximos catro días, ata o domingo. 

A oposición considera que esta detención pretende eliminar ao rival máis probable do presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, nas próximas eleccións presidenciais en Turquía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade