A Policía indonesia detén sete persoas que pretendían atacar o papa Francisco
A Policía indonesia detén sete persoas que pretendían atacar o papa Francisco
Sospeitan que planificaban agredilo durante a súa visita ao país, que rematou este venres
A Policía de Indonesia informou da detención dun grupo de sete persoas que supostamente pretendían atacar o papa Francisco durante a visita do pontífice ao país, que concluíu este venres.
Nun comunicado emitido o venres á noite, a unidade antiterrorista, coñecida como Densus-88, sinalou que entre o 2 e o 3 de setembro se produciu o arresto da maioría de sospeitosos nas cidades de Bogor, a uns 50 quilómetros de Xacarta, e Bekasi, ao leste da capital.
Os sospeitosos, só identificados coas súas iniciais, planeaban un ataque contra o papa Francisco, segundo o material atopado durante o rexistro da vivenda dun dos detidos.
Neste operativo, as autoridades requisaron arcos e frechas, un dron e propaganda do Estado Islámico, apuntan as autoridades.
O portavoz de Densus-88, Aswin Siregar, sinalou que as investigacións seguen en curso e que aínda non se estableceu se os sete detidos se coñecen entre si ou son membros da mesma célula terrorista.
Xira polo sueste asiático e Oceanía
O papa Francisco visitou Indonesia, o país con maior número de musulmáns do mundo, entre os días 3 e o 6 deste mes.
Durante a súa estadía, foi á mesquita Istiqlal de Xacarta, a máis grande do sueste asiático, e xunto ao grande imán, Nasaruddin Umar, mandaron unha mensaxe de unidade e harmonía relixiosa.
Este sábado, Francisco iniciou a súa axenda oficial en Papúa Nova Guinea, a súa segunda parada desta longa xira polo sueste asiático e Oceanía, que tamén o levará a semana que vén a Timor Oriental e Singapur.
Indonesia, que practica polo xeral un tipo de islam moderado, experimentou nas últimas dúas décadas un incremento da influencia de grupos radicais, aínda que nos últimos anos foron menos activos.