Publicador de contidos
Publicador de contidos

A policía investiga as causas do incendio en que morreron tres nenos e a súa nai en Vigo

A policía investiga as causas do incendio en que morreron tres nenos e a súa nai en Vigo

O lume comezou nun cadro eléctrico e prendeu nunha moto aparcada no portal

O Concello precintará o edificio e aloxa os afectados nun albergue

Tres días de loito en Vigo pola vítimas do incendio  

G24.gal 11/10/2023 21:22 Última actualización 11/10/2023 22:03

Extinguido o incendio, comezaba o traballo dos expertos. A Policía Científica busca as causas do lume que causou catro mortos e seis feridos graves no número 6 da rúa Afonso X o Sabio de Vigo. E, de momento, mantén abertas todas as liñas de investigación.

"Están traballando, aventurar calquera tipo de conclusión, de causa inmediata, non é prudente polo de agora", aseguraba o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

A mans da xuíza que leva o caso chegarán os informes das policías científica e xudicial. Tamén  o dos bombeiros, que apunta a que o incendio puido comezar no portal.

"Parece ser que unha moto que estaba aparcada dentro do portal empezou a arder", apuntaba o sarxento xefe dos Bombeiros de Vigo.

 Aínda que tampouco se descarta un segundo foco de lume no andar onde vivían as vítimas. Algúns dos veciños afectados non dubidan en sinalar a un ocupante conflitivo que acaban de botar do inmoble.

"Iso foi provocado porque o mozo ese tíñalles manía aos que vivían no quinto", contaba unha das veciñas afectadas.

 A policía tamén investiga esta posibilidade.

"Non nos consta. Forma parte da investigación. Estanse reunindo todo tipo de antecedentes, a existencia de denuncias previas, a propia ocupación do edificio e a existencia de outro tipo de altercados", aclaraba o Delegado do Goberno.

Os bombeiros tiveran que intervir en agosto por un incendio no cadro eléctrico do edificio. O administrador da propiedade sabía das deficiencias detectadas nas inspeccións.

"Comunicoulle ao concello que ademais de facerse cargo de todas as cuestións relacionadas co inmoble comunicaríanlle ao xulgado a necesidade de desocupar ese edificio para proceder a todas as obras de mellora necesarias que puidesen necesitarse", asegurou a concelleira de Urbanismo. 

María José Caride tamén dixo que os equipos de prevención do Concello non detectaron ningún dano estrutural no edificio. E, salvo unha, cualificaron de falsa alarma as intervencións sinaladas nos informes dos bombeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade