Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Policía Xudicial investigará as identificacións recollidas nun informe pericial polo caso Maruxaina

A Policía Xudicial investigará as identificacións recollidas nun informe pericial polo caso Maruxaina

A asociación encargou o informe preliminar a un grupo de expertos informáticos dada a "paralización" do procedemento xudicial

G24.gal 18/03/2024 20:28

No caso das gravacións na Maruxaina, o xuíz ordénalle á Policía Xudicial que investigue as persoas identificadas nun informe pericial encargado pola acusación particular, exercida pola Asociación Mulleres en Igualdade de Burela (BUMEI).

No documento identificase entre cinco e seis persoas que poderían estar vinculadas coas gravacións a mulleres ouriñando na rúa durante as festas da Maruxaina de 2019. Os vídeos acabaron nunha páxina web de pornografía.

Segundo explicou o avogado que representa a BUMEI José Manuel Oliveros, a asociación encargou o informe preliminar a un grupo de expertos informáticos dada a "paralización" do procedemento xudicial, "sen vías de canalizar liñas novas de investigación".

Así, a asociación facilitou ao grupo toda a información solicitada con anterioridade e conforme á que os expertos identificaron cinco ou seis persoas.

Oliveros presentou este documento a principios de marzo no Xulgado, que debía decidir se o propio grupo encargado do informe preliminar continuaba coas investigacións para chegar a un documento definitivo, ou o facía a Policía Xudicial.

Finalmente, o maxistrado encargado do caso decantouse pola segunda opción, co que será o citado corpo de seguridade o que continúe coas pescudas.

Con todo, Oliveros non concreta tempos nin pasos por seguir, xa que "todo dependerá da Policía Xudicial".

O caso Maruxaina arrincou en 2019, cando algunhas das vítimas atoparon vídeos seus nunha páxina web de pornografía de pagamento en que se podían recoñecer ouriñando na rúa durante as festas da Maruxaina dese mesmo ano.

As afectadas foron presentando denuncias, e en marzo de 2021 o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro arquivou ou caso ao considerar que as gravacións "non constituían un delito por ser realizadas nun lugar público en que podían ser vistas por calquera".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade