Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan a 18 anos de cárcere a un home que publicou vídeos sexuais de varias mulleres

Condenan a 18 anos de cárcere a un home que publicou vídeos sexuais de varias mulleres

Entre as súas vítimas está unha menor á que enganou

G24.gal 20/05/2024 17:57

Un home acusado de publicar en Internet vídeos de contido sexual de dúas exparellas, de dúas compañeiras de traballo e dunha menor de idade á que enganou foi condenado a dezaoito anos e medio de cárcere pola Audiencia Provincial de Ourense.

A sentenza impúxolle, ademais, o pago de indemnizacións por un total de 19.000 euros ás vítimas.

A Audiencia considerou ao home culpable dos delitos de descubrimento e revelación de segredos, 'grooming' ou engano para gañar a confianza dunha menor, captación de menores de 18 anos con fins de elaborar material pornográfico e de distribución de pornografía infantil e de exhibicionismo.

O tribunal considera probado que entre abril e maio de 2020 o home compartiu imaxes sexuais e vídeos de prácticas sexuais dunha das mulleres, coa que tivera unha relación sentimental en 2017, "sen coñecemento da afectada" e que posteriormente distribuíu sen a súa autorización.

Ademais, o home tamén compartiu imaxes e vídeos de contido sexual da súa exesposa, coa que tivo unha relación entre 2000 e 2014, do mesmo xeito que no caso anterior, sen coñecemento da vítima.

O tribunal detalla que, neste caso, trátase de imaxes captadas cunha cámara oculta instalada no cuarto de baño do domicilio e de fotos tomadas directamente á vítima.

Para levar a cabo algunhas das gravacións, o acusado chegou a instalar entre 2012 e 2016, unha cámara oculta nos baños da empresa na que traballaba para "descubrir a intimidade das súas compañeiras de traballo".

Por último, en febreiro de 2019 contactou a través de Instagram e por correo electrónico cunha moza menor de 18 anos "con pleno coñecemento da idade da mesma".

Para poder enganala, o home pretendeu ser unha moza de 19 anos de nacionalidade venezolana residente entre Miami e Panamá para "irse gañando a súa amizade ata o punto de que a menor pensaba que tiña unha relación sentimental con ela", co obxectivo de que lle enviase fotografías de contido sexual.

Neste caso, a sala conclúe que o home chegou a solicitar nun grupo da rede social Telegram un audio con voz de muller ao obxecto de enganar á menor para que lle mandase fotos espida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade