Publicador de contidos
Publicador de contidos

Educar máis que prohibir, a proposta profesional á pornografía nas redes

Educar máis que prohibir, a proposta profesional á pornografía nas redes

A sexóloga Vanesa Rodríguez cre que deben saber distinguir entre ficción e realidade

Para o 30 % dos menores, as redes son a única fonte de información afectivo-sexual

G24.gal 20/01/2024 13:54 Última actualización 20/01/2024 16:29

Escepticismo entre a maioría de profesionais ante o plan que ultima o goberno para impedir o acceso da poboación menor a contidos pornográficos. Vanesa Rodríguez, psicóloga e sexóloga, cre que a solución non é prohibir, senón formar para que saiban diferenciar entre sexo e pornografía.

A coordinadora do programa de educación sexual da Asociación para a Saúde Emocional na infancia e na Adolescencia explica que a maioría da poboación menor non busca pornografía cando entran na Rede, senón información afectivo-sexual.

"Estamos a poñer moito o foco no acceso e ao mellor hai que amplialo e poñelo máis na educación. Se formamos os adolescentes nunha mirada crítica cara a este tipo de contidos, que saiban o que están vendo, que non haxa unha confusión, que non entendan que iso é algo que ten que ver co real senón cunha ficción, se acceden con mirada crítica saberán que iso non ten que ver coa sexualidade real".

Esta experta cre que a formación debe comezar desde a infancia na escola e tamén dentro das familias.

"Hai que perder un pouco o medo a falar de sexualidade, o importante é que se establezan eses vínculos comunicativos dentro da familia e se non sabes algo dicilo tranquilamente e acompañalos nesa busca e non deixalos sós".

Sete de cada dez adolescentes de 13 a 17 anos ve porno regularmente. A fiscalía xeral do Estado cre que é unha das causas do preocupante ascenso de agresións sexuais cometidas por menores desde o 2017.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade