A política económica de Trump inflúenos?, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A política económica de Trump inflúenos?, por Maite Cancelo
Máis aló das propostas en clave interna que Trump anunciou durante a súa campaña electoral, como prorrogar os recortes de impostos que xa aprobara el no seu mandato anterior e están a piques de expirar e aprobar novas reducións, como na taxa do imposto de sociedades, e mesmo eliminar algúns impostos, con relación á economía internacional o seu enfoque é moi proteccionista, propoñendo un arancel xeral do 10 % a todas as importacións que entren nos EUA, aumentando tamén os aranceis que xa está a aplicar á China (60 %) e coa ameaza dun arancel do 25 % ás mexicanas se o goberno deste país non detén a inmigración ilegal.
Ademais, Trump apuntou á imposición de aranceis tamén ás empresas americanas que se trasladen a outros países, coa idea de que todo produto fabricado no estranxeiro sexa máis caro que o fabricado no país.
Consecuencias previsibles en Europa
Máis que previsibles, xa temos consecuencias inmediatas: a caída das bolsas europeas pode ser un termómetro das expectativas dos investidores con relación ao impacto que pode ter a vitoria de Trump sobre as economías europeas. En España, o IBEX caeu un 2,9 %, a maior das bolsas europeas, dado o mal comportamento no sector bancario, caen todos, pero liderados por BBVA e Banco Sabadell (-6,6 % e -6,5 %). En parte pola importante presenza en México dalgúns bancos españois cuxos activos ven deteriorados nese país dada a caída do peso mexicano fronte ao dólar. En cambio, nos EUA onte producíronse ganancias récord e Wall Street alcanza novos máximos, o que indica que os investidores non ven con malos ollos as políticas arancelarias de Trump na Zona Euro.
Os automóbiles tamén tiveron o seu impacto na bolsa, en concreto na alemá, ante os temores dunha guerra comercial entre os Estados Unidos e a Unión Europea. De feito, o Instituto de Economía deste país estimou en perdas para Europa que ascenderían a cento oitenta mil millóns de euros.
Con relación a España, somos máis dependentes do que ocorra nas economías europeas, xa que, no ano 2023, case o 63 % das nosas vendas ao exterior teñen como destino a UE e o 40,6 % diríxense a Francia, Alemaña, Italia e Portugal. As nosas exportacións nos Estados Unidos representaron o 5,5 %, aínda que foron lixeiramente superiores que as dirixidas cara a América Latina (5,2 %). Pero o impacto nas economías dos nosos socios tamén se verá reflectido nas nosas vendas a estes países.
Os automóbiles son a principal preocupación alemá, pero, en España, moitas pequenas e medianas empresas venden parte da súa produción a este país, incluídas as galegas, como é o caso das patacas Bonilla da Coruña ou algúns dos nosos albariños, ás que ese posible aumento de aranceis pode afectar as súas vendas no país americano.
En calquera caso, haberá que ver como evolucionan estes anuncios, xa que unha das claves na campaña de Trump foi a inflación como un dos principais problemas do país e o aumento dos aranceis ás importacións non axudará a controlar ese problema (que xa empezara a corrixirse, como está a ocorrer en Europa). E, a pesar dese apuntamento optimista, hai que lembrar que no ano 2021 xa tivemos tensións comerciais pola imposición de aranceis á importación de aceiro e aluminio ou ao aceite de oliva.