Publicador de contidos
Publicador de contidos

A europeísta Sandu é reelixida presidenta de Moldova tras o reconto de todos os votos

A europeísta Sandu é reelixida presidenta de Moldova tras o reconto de todos os votos

Sandu, de 52 anos, gañou a primeira volta co 42,49 por cento dos votos, cunha vantaxe de case o 20 % sobre o exfiscal xeral Stoianoglo

G24.gal 04/11/2024 08:49 Última actualización 04/11/2024 13:51

A actual presidenta moldova, a europeista Maia Sandu, gañou as eleccións presidenciais co 55,33 % dos votos, tras completarse o escrutinio dos votos, informou hoxe a Comisión Electoral Central de Moldova. O seu rival, o exfiscal prorruso Alexandr Stoianoglo, recibiu o apoio do 44,67 % dos cidadáns.

Do mesmo xeito que durante a primeira volta dos comicios, celebrada o 20 de outubro, e as presidenciais de 2020, o voto da comunidade moldova que reside no exterior foi clave para determinar o gañador das eleccións.

Así, Soianoglo lideraba o escrutinio con máis do 90 % das papeletas contabilizadas e a situación deu unha volta só despois de que a CEC empezase o reconto do voto da diáspora europea do país. Á vez, na rexión autónoma de Gagauzia, lugar de orixe de Stoianoglo, coñecida por ánimos prorrusos, o adversario de Sandu foi apoiado por máis do 97 % dos votantes. Tamén no resto do país, o resultado sería favorable para Stoianoglo (51 % fronte a 48 %) sen o sufraxio da diáspora moldova, segundo destaca Noi.md.

Sandu, de 52 anos, gañou a primeira volta co 42,49 por cento dos votos, cunha vantaxe de case o 20 % sobre o exfiscal xeral Stoianoglo. Segundo as autoridades moldovas, ao peche dos colexios o 3 de novembro acudira ás urnas o 54,08 % do censo electoral, cifrado en pouco máis de 3,3 millóns de electores.

A participación cidadá na segunda volta superou a da primeira, cando foi do 51,74 %. Para o voto dos moldovos no exterior foron habilitados 228 colexios en 37 países, o maior número deles, 60, en Italia. Segundo o ministerio de Exteriores moldovo, máis de 300.000 cidadáns exerceron no estranxeiro o seu dereito a voto. Tamén durante os comicios de 2020, os moldavos no estranxeiro axudaron a Sandu a impoñerse ao entón mandatario Ígor Dodon.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade