Publicador de contidos
Publicador de contidos

A provincia de Ourense é a que menos tecnoloxía ten incorporada aos fogares

A provincia de Ourense é a que menos tecnoloxía ten incorporada aos fogares

Un inforde do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga) di que a provincia está por debaixo da media de Galicia en alarmas, domótica ou aparatos de tv e son intelixentes

G24.gal 08/10/2024 21:09 Última actualización 08/10/2024 21:38

Un estudo sinala que a provincia de Ourense é a que vai con máis atraso na incorporación das novas tecnoloxías no fogar, tanto en aparatos de televisión e son, como en sistemas de domótica e seguridade.

O avellentamento da poboación é un factor que incide nesa realidade.

En temas de electrónica e seguridade hoxe en día case todo se fai a través dun móbil. A tecnoloxía avanzou para que todo sexa máis doado de usar.

"Instalamos videoporteiros que poden manexarse desde o teléfono: ver quen é, abrir ou pechar. E tamén se pode actuar sobre persianas, portas, aire acondicionado, calefacción, etc", apunta José Ramón Blanco, técnico en instalación de dispositivos electrónicos para vivendas e empresas.

Aínda así, a incorporación deses sistemas á vida cotiá vai por parroquias.

Un informe do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), sinala que Ourense é a provincia que máis atraso leva.

Por exemplo, só no 5,7 por cento dos fogares hai alarmas, fronte á media galega, situada no 7,2. A pirámide poboacional inflúe.

"Hai que ter en conta que a poboación de Ourense é maior e non se adapta tan rápido ás novidades. Pero si notamos que demandan máis sistemas de seguridade por que viven sós en moitos casos, e teñen medo", sinala Julia Navaza, administrativa dunha empresa que vende alarmas e dispositivos de seguridade e control en Ourense.

O informe di tamén que só o 48 por cento dos fogares ourensáns ten unha smart tv, fronte ao 55 da media galega. Ou no caso dos altofalantes intelixentes a diferencia é de cinco puntos, do 11 de Ourense ao 16 por cento de Galicia. E na domótica, 6,9 fronte a 7,5.

O estudo feito por Osimga di, porén, que Ourense rexistrou o ano pasado o maior crecemento de internautas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade