Publicador de contidos
Publicador de contidos

Margarida II de Dinamarca anuncia a súa abdicación tras 52 anos no trono

Margarida II de Dinamarca anuncia a súa abdicación tras 52 anos no trono

O primoxénito asumirá o trono o día da abdicación, despois dun Consello de Estado, co nome de Federico X

G24.gal 31/12/2023 19:12 Última actualización 31/12/2023 21:13

A raíña Margarida II de Dinamarca, de 83 anos e a monarca viva con máis tempo no trono, anunciou este domingo que abdicará o vindeiro 14 de xaneiro en favor do príncipe herdeiro Federico, despois de 52 anos como xefa de Estado.

No seu tradicional discurso televisado de Fin de Ano, Margarida II, única muller á fronte dunha monarquía, explicou que a operación de costas á que se someteu en febreiro pasado, fíxolle pensar no futuro e "se non chegara o momento de deixar a responsabilidade á seguinte xeración".

"Decidín que agora é o momento correcto. O 14 de xaneiro de 2024, 52 anos despois de suceder ao meu querido pai, deixarei de ser a raíña de Dinamarca", dixo Margarida II, que aludiu ao "desgaste" do tempo e a que "unha xa non pode co que podía antes".

Tanto en Dinamarca como nas outras monarquías nórdicas non hai tradición de abdicar, e o habitual é que os monarcas esgoten o seu mandato ata a morte. Margarida reiterara sempre en público que non tiña pensado abandonar o trono e que a condición de raíña era "un deber para sempre".

O primoxénito, de 55 anos, asumirá o trono o mesmo día da abdicación, despois dun Consello de Estado, co nome de Federico X.

"Esta noite quero sobre todo dar as grazas, grazas polo apoio e a calidez abafadores que recibín ao longo dos anos", afirmou no seu discurso a monarca, que pediu "a mesma confianza e afecto" para o futuro rei e a súa esposa, a princesa Mary.

A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, agradeceulle nun comunicado á raíña a súa "dedicación de por vida e o seu incansable traballo por Dinamarca".

Raíña popular

Margarida Alexandrina Thorhildur Ingrid, nome completo da raíña, goza dunha ampla popularidade. Soubo manterse á marxe de grandes escándalos e os que tivo resolveunos con naturalidade, incluso o serio revés que supuxo que o seu home, o príncipe Henrique, morto en 2018, renunciara a ser enterrado no panteón real na catedral de Roskilde.

Henrique, que nunca ocultara a súa insatisfacción co seu rol e protagonizou varios desplantes públicos, provocou un balbordo en agosto de 2017 acusando nunha entrevista á súa dona de tomalo por "parvo", á vez que afirmaba o seu amor por ela, e anunciando en sinal de protesta a súa vontade de ser incinerado.

Menos dun mes despois a Casa Real anunciou que o príncipe tiña demencia e que se retiraba da vida pública, e en febreiro do ano seguinte, Henrique morreu semanas despois de ser ingresado por unha infección pulmonar.

"Foi a súa decisión. Era unha persoa libre. E respéctoo", dixo meses máis tarde Margarida.

Á súa condición de raíña discreta e próxima, engade outro punto ao seu favor: as súas inquietudes artísticas, que inclúen desde os decorados e o vestiario de balé, obras de teatro e mesmo películas; ao deseño dos monogramas dos membros da Casa Real ou a súa afección pola pintura.

Esa prolífica e duradeira actividade é apreciada en Dinamarca, sobre todo pola súa condición de muller, malia que reputados críticos de arte puxeran en dúbida a calidade artística das súas pinturas, o que non impediu que prestixiosos museos lle dediquen exposicións.

A monarca danesa tamén se atreveu a ilustrar O Señor dos Aneis, de J.R.R Tolkien, e a traducir ao danés Todos os homes son mortais, de Simone de Beauvoir, ademais de deseñar a escenografía e o vestiario para unha película da plataforma Netflix.

Margarida II ten dous fillos, Federico e Xoaquín, de 54 anos, e oito netos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade