A reconstrución dos viadutos da A6 custará case 70 millóns de euros
A reconstrución dos viadutos da A6 custará case 70 millóns de euros
O Ministerio de Transportes ampliou a declaración de emerxencia das obras para facelas nos dous sentidos de xeito simultáneo
A reconstrución dos viadutos da autovía do Noroeste no treito que une Galicia co Bierzo vai supoñer un investimento de 70 millóns de euros. O Goberno contratou os traballos pola vía de urxencia, cando xa pasou máis dun ano da caída da ponte da A6.
Finalmente o Ministerio de Transportes adxudicou as obras pola vía de emerxencia para a reconstrución das calzadas en ambos os dous sentidos da circulación.
E vai custar case 70 millóns de euros, segundo publica este martes o xornal La Voz de Galicia. Para dar idea da relevancia da obra, é o mesmo investimento previsto para os 12 quilómetros da autovía A54 que van unir Melide e Palas de Rei, con cinco viadutos.
Este proxecto na A6 supón a reconstrución de tres pontes. Os últimos informes técnicos recomendan actuar ao mesmo tempo nos dous sentidos da circulación, por razóns de seguridade, e tamén porque os traballos poderán estar rematados antes.
De feito, o plan inicial era facer primeiro as obras nun dos sentidos da circulación e logo noutro, co cal estarían rematadas en febreiro de 2025.
Pois ben, o cambio de criterio para executalas de forma simultánea fará que estean listas moito antes, posiblemente xa en xuño de 2024. Un cambio ben recibido sobre todo pola administración galega e polos transportistas, que na actualidade sofren moitos problemas e atrasos polos desvíos habilitados polo ministerio.