A reforma da lei do 'só si é si' aumenta as penas para as agresións sexuais
A reforma da lei do 'só si é si' aumenta as penas para as agresións sexuais
A reforma tamén corrixe a responsabilidade penal dos menores de 16 anos
Tras meses de debate, a reforma da lei do 'só si é si' modifica os aspectos máis polémicos da norma. Decae a unificación dos delitos de abuso e agresión sexual que deu lugar ás rebaixas de condenas. A partir de agora, engádese un subtipo de agresión con violencia que eleva as penas entre 1 e 5 anos. O mesmo ocorre nas agresións con penetración, cun aumento das penas entre 6 a 12 anos que poderán chegar a 15 de existir agravante.
"Soben considerablemente as penas, e iso vai facer que no futuro os xuíces e tribunais que miraban os delitos sexuais con precaución porque tiñan penas moi elevadas apliquen estándares de proba aínda máis elevados".
A lei mantén a definición do consentimento tal e como estaba redactada. Pero hai penalistas que sosteñen que no fondo supón un cambio de modelo.
"Agora necesitamos unha expresión afirmativa do consentimento para que a conduta non sexa delituosa. Non volvemos ao modelo anterior pero tampouco aproveitamos todo o cambio que podería ter o consentimento afirmativo".
A reforma tamén corrixe a responsabilidade penal dos menores de 16 anos. E volve castigar a difusión pública a través das redes de contidos que inciten a cometer agresións sexuais que quedara despenalizada.
"As vítimas merecen unha resposta. Sabemos que as revisións van seguir producíndose, pero de agora en diante os delitos terán unha pena adecuada á gravidade dos feitos".
A reforma chega cunha cifra de revisións de condenas que roza o milleiro de casos e con máis dun cento de excarceracións de agresores sexuais.
"Desde o primeiro momento pensei que había que facer unha reforma o máis rápido que se puidera facer e con calquera que nos quixera acompañar".
O Tribunal Supremo vaise reunir en xuño para fixar doutrina coa entrada en vigor da reforma de lei.