A República Checa vive un día de loito nacional polas vítimas do tiroteo do xoves
A República Checa vive un día de loito nacional polas vítimas do tiroteo do xoves
Segue investigándose que levou o autor a cometer a matanza
Crese que matara a seu pai e mais un home e unha meniña previamente
A catedral de San Vito, en Praga, acolleu unha misa de defuntos en memoria das vítimas do tiroteo do xoves, á que acudiron o xefe do Estado e os presidentes das dúas cámaras parlamentarias.
O arcebispo de Praga afirmaba que todos continuaban conmocionados, loitando por atopar respostas ao ocorrido.
En todo o país, os edificios oficiais luciron as bandeiras a media hasta cun estandarte negro e ao mediodía soaron as campás de todas as igrexas para marcar o inicio dun minuto de silencio.
O presidente do Senado subliñaba que evitar que se repitan estas traxedias é cousa de todos e mencionaba os medios de comunicación e a forma de educar a mocidade.
A Policía confirmou que o autor do tiroteo, un universitario de 24 anos cun expediente académico excelente, suicidouse dun tiro na cabeza cando se viu cercado. Antes matara na facultade de Filosofía catorce persoas e deixara 25 feridos.
Investigan se tamén asasinou a semana previa un home e a súa filla de dous meses nun bosque e o seu propio pai na casa o día anterior á matanza masiva. Tiña licenza para oito armas de fogo e non lle constaban antecedentes.