A retirada das máscaras aínda non se aprobará no Consello de Ministros deste martes
A retirada das máscaras aínda non se aprobará no Consello de Ministros deste martes
O ministro de Sanidade asegurou que se fará "tan pronto como sexa posible", pero aclarou que hai que informar o decreto sobre a crise sanitaria e aínda non está listo
"O que queremos é que sexa de alta recomendación" o uso das máscaras en centros sanitarios e sociosanitarios, dixo José Miñones
O ministro de Sanidade, José Miñones, afirmou esta mañá en Santiago de Compostela que a retirada definitiva da obrigatoriedade das máscaras centros de saúde, hospitais, farmacias e outros centros sociosanitarios non será tratada no Consello de Ministros de mañá martes.
En declaracións aos xornalistas, Miñones indicou que se fará "tan pronto como sexa posible".
"Sabemos que non vai ser mañá no Consello de Ministros porque non é simplemente a parte das máscaras, senón que é todo un decreto de crise sanitaria, que ten que ser informado e ten que pasar os trámites administrativos correspondentes", explicou.
"Está feita a consulta ao Consello Interterritorial de Saúde, que era o obxectivo que tiñamos prioritario, e no momento temos a consulta xa realizada e que foi secundada por todas as comunidades autónomas", engadiu.
Apuntou que agora prevé sometelo ao Consello de Ministros, e "no momento que poidamos, canto antes, que é o obxectivo, pois poderemos xa facer o anuncio correspondente da retirada das máscaras e de todas aquelas medidas que estaban aprobadas con ese decreto de crise", aclarou o ministro de Sanidade.
Miñones matizou que "nós o que queremos é que sexa de alta recomendación" o seu uso e "unha autoresponsabilidade" por parte dos usuarios.
Neste sentido, indicou que o uso debe de ser necesario nas persoas con síntomas de infección de forma que teñan "sensibilidade co que estamos a vivir na actualidade, porque o virus segue estando presente".
O Consello Interterritorial de Saúde apoiou o pasado venres a retirada definitiva da obrigatoriedade das máscaras en centros sanitarios e sociosanitarios, e só mantela en zonas hospitalarias con enfermos críticos.
Daquela, quedarán máis de 1.000 días atrás eses momentos en que o uso das máscaras aínda nos era estraño; máis de tres anos que comezaron con escaseza, autoconfección e usos polivalentes, e que están a piques de pasar á historia. Iso si, aínda hai que esperar.